As actividades comezan este sábado, 14 de abril e estenderanse ata o vindeiro 5 de maio.
O Concello do Grove ten preparada a súa programación para celebrar o mes do libro. As actividades previstas contan coa colaboración do Programa “Ler conta moito” da Xunta de Galicia e PonteGAL da Deputación de Pontevedra. Este sábado, 14 de abril, ás 11.30 horas comezará a programación na Biblioteca Municipal do Grove co Debulendo lendas... galegas, a cargo de Tarabelos Teatro; un contacontos dirixido a público infantil a partir de 4 anos que adapta a técnica do Kamishibai facendo das ilustracións elementos para ver e tocar, manipular, vestir...
Xa o seguinte sábado, o 21 de abril, ás 11.30 horas será a Axencia de Lectura de San Vicente a que acolla a actividade Chocolate, a cargo de Teatro Calavera. Coincidindo co Día do libro, o 23 de abril, á partir das 18.00 horas volverase á Biblioteca Municipal cun contacontos teatral titulado Avós, de Trinketrinke Teatro.
O 28 de abril será a quenda dos máis novos da casa. Migallas teatro ofrecerá, tamén na Biblioteca Municipal, unha sesión do seu espectáculo Os contos do chupete, contos para bebés que integran a música en directo, a literatura infantil, a expresión dramática e a tradición oral. Para todas estas actividades as prazas son limitadas polo que é precisos inscribirse a través do servizo de bibliotecas, por teléfono, correo electrónico ou Facebook.
Xa o sábado 5 de maio, a partir das 18.00 horas e con entrada libre, ofrecerase no Salón de Actos da Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey o espectáculo familiar de maxia Rey Mr. Happy, a cargo de Francis Zafrillas. Na actividade combínase música en directo, ventriloquía, malabares e, por suposo, maxia… Ademais de toda esta oferta as visitas escolares e as actividades de dinamización lectora completarán unha grande programación para o mes do libro.