A inscrición pode realizarse a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX)
O Concello do Grove lembra de que inda hai prazas dispoñibles nos talleres saudables que terán lugar o 14 e o 21 de abril nas instalacións da Deputación de Pontevedra no Centro Vacacional da Lanzada. Estes talleres comprenden dúas actividades de tres horas e están dispoñibles a mozos e mozas de entre 18 e 35 anos (no caso de quedaren prazas poderá participar xente doutras idades).
Os talleres serán impartidos polas técnicas en dietética e nutrición Lúa Otero e Sara García (membro de “Mima tu cuerpo”). O primeiro deles terá lugar este sábado de 17.00 a 20.00 horas baixo o título “Merendas saudables”. Nel, as persoas participantes, poderán ver e elaborar varias receitas saudables que se poden comer á hora da merenda ou a media mañá, para evitar así caer na tentación dos bolos ou comida industrial. As receitas previstas son: crema de cacao, crema de cacahuete, pasta de dátil e sobrasada vegana, pan, galletas, muffins saudables, mug cake e barriñas enerxéticas.
Xa na semana seguinte, 21 de abril, no mesmo horario terá lugar o taller “Organiza a túa semana en tuppers” no mesmo horario e no mesmo lugar. Trátase de planificar semanalmente as comidas xa que isto permite unha alimentación equilibrada e variada, fuxindo de produtos precociñados, de petiscos ou de repetir os mesmos pratos. A planificación tamén axuda a aforrar na compra e a organizar de xeito máis eficiente o proceso da cociña.
Estas actividades son de balde e só precisan inscrición previa.