Os cambios das bases realizados hai xa dous anos optimizaron estes recursos que pasaron a outorgarse en función da renda.
O Goberno local do Grove modificou a finais de 2016 as bases de axudas por nacemento de fillos. Estas axudas estaban outorgándose de xeito xeral e independentemente dos recursos dos que dispuxese a familia demandante, establecendo 100 euros para o primeiro fillo, 150 para o segundo e 200 para o terceiro. A modificación pasou por outorgar as contías directamente vinculadas cos recursos da familia de tal xeito que as rendas máis baixas percibisen as axudas que, ata entón, eran concedidas de xeito automático sen ter en conta esa realidade.
Tras a aplicación destes cambios, os resultados indican que se optimizaron os recursos que agora mesmo se atopan focalizados onde realmente se precisan. En función diso, no ano 2016 outorgáronse un total de 60 axudas que maioritariamente tiñan una contía de 100 euros, sumando un total de 7.050 euros. Xa en 2017, coa aplicación da modificación da ordenanza, foron 28 as axudas por un total de 6.300 euros e cunha contía maioritaria de 200 euros dirixidas a familias con rendas baixas.
Desde o Concello do Grove valórase moi positivamente esta modificación, xa que permite que as familias reciban unha axuda realmente significativa e non se outorguen estas en contías reducidas que non solucionan as necesidades reais dunha familia con rendas baixas. No relativo ao 2018, nos primeiros meses do ano xa se tramitaron sete solicitudes.