galego | español
texto grande
buscar

Noticias

Urbanismo

mércores, 6 de xuño de 2018
"O alcalde do Grove presenta unha reclamación por escrito logo da reunión co Delegado da Xunta de Galicia"

 

O Concello incide en cuestións que son responsabilidade do ente autómico que non están sendo atendidas no Grove.

 

O alcalde do Grove volveu reunirse onte co delegado da Xutna de Galicia en Pontevedra. A reunión transcorreu nos mesmos termos que as tres anteriores mantidas durante este mandato, reiterando as solicitudes xa realizadas e poñendo sobre a mesa problemas que xa eran coñecidos. A falta de resposta ás demandas do Grove enche de preocupación o Goberno local que, ao rematar a reunión, trasladou unha listaxe das demandas realizadas (xa facilitada ao delegado e ao equipo técnico) ao presidente da Xunta de Galicia reclamando unha reunión con el dada a falla de resposta existente.

 

Os temas abordados son, como xa indicamos, recorrentes: un plan de mantemento e seguridade das estradas autonómicas, incluíndo a mellora da sinalización. Lembramos que a xardinería destas estradas está sendo atendida por empregados municipais ante a falla de atención da Xunta de Galicia; tamén se esixen medidas de seguridade viaria en estradas de titularidade autonómica (Xoan XXII e Tenente Domínguez), sendo especialmente urxente o relativo á estrada da Lanzada a San Vicente.

 

Neste último punto resulta especialmente grave o feito de que se declare que non se poden poñer pasos de peóns ou medidas semellantes que si están colocados nunha estrada da mesma categoría no Concello de Sanxenxo. Deste xeito, e sen buscar solución aos problemas, cruzar a estrada para baixar a estrada nesa zona resulta especialmente problemático.

 

Tamén se reiterou a necesidade de humanización da rúa Luis A. Mestre (titularidade da Xunta) que precisa de medidas de mellora da seguridade viaria, accesibilidade e adaptación. Desde a Xunta de Galicia ofrécese a desafectación desta e outras rúas de titularidade autonómica que transcorren polo centro urbano, pero non se ten en conta o seu lamentable estado, que suporía, unha vez máis, que fose o Concello quen se fixese cargo delas. Non podemos esquecer que, nunha situación semellante nun concello veciño se presentou un convenio de colaboración que no caso do Grove “tería que estudarse”.

 

Ademais do relativo ás infraestruturas, reiterouse a necesidade de buscar unha solución para o servizo de Emerxencias. No momento actual este grupo recibe unha axuda de 41.000 euros da Deputación e de 34.000 da Xunta de Galicia (un grupo semellante para o Concello de Sanxenxo recibe o dobre de contía), axudas que teñen que ser solicitadas e valoradas ano a ano. Tendo clara a necesidade fundamental que supón para un municipio turístico e coas peculiaridades xeográficas do Grove contar con este servizo, é necesario que a Xunta de Galicia valore o seu financiamento plurianual.

 

Bloqueo ao Grove

 

Na reunión tamén se abordou o bloqueo por parte de Portos de Galicia ao Grove. Sen que esta entidade manifeste absolutamente nada sobre a reparación da explanada da Praza do Corgo –cun custo que ronda os 90.000 euros e que supón unha cantidade inferior á que recauda na localidade– resulta especialmente grave o feito de que as solicitudes tramitadas polo Concello para actuacións de interese social (como o parque de skate do Corgo) leven un ano agardando por resposta.

 

Esta falta de colaboración institucional xunto co feito de que na reunión mantida onte non se establecese ningún tipo de proposta de colaboración máis aló de “imos a estudalo”, fai necesaria a intervención do presidente da Xunta de Galicia, quen deberá estar ao tanto da falla de atención prestada aos veciños e veciñas do Grove. Tras constantes reunións e reclamacións, desde 2015 tan só se conseguiu a colocación do semáforo en Ardia. Desde O Grove esíxese algo bastante claro: que a Xunta cumpra coas súas obrigas.

 

axenda

calendario
mes anterior decembro | 18 mes próximo
LMMXVSD
12
3456789
10111213141516
17181920212223
24252627282930
31

noticias

Rede de
bibliotecas

perfil do
contratante

portal de
turismo

boletín ADL

Apúntate ao noso boletín

boletín OMIX

Apúntate ao noso boletín

avisos sms

síguenos en
logotipo consellería innovación e industria logotipo Ministerio Industria, turismo y comercio logotipo FEDER

2009. Concello do Grove, Praza do Corgo nº 1 | T. 986 73 09 75 | F. 986 73 13 58
aviso legal | créditos | rss
páxina accesible AA rss