A cita será o xoves 11 de outubro ás 17.00 horas na Praza do Corgo.
O día próximo 16 de outubro celébrase o Día Europeo da Concienciación da Parada Cardíaca. Co gallo desta celebración, e dentro dos actos da Festa do Marisco 2018, o Concello vai celebrar o xoves 11 de outubro, a partir das 17.00 horas, un taller de Resucitación Cardio-pulmonar (RCP) básica destinado a persoas de todas as idades.
O obxectivo deste taller e ensinarlles a todos e todas as interesadas que se acheguen ata o Corgo a realizar manobras de RCP. Deste xeito trabállase na concienciación da sociedade de que “as nosas mans poden salvar vidas” e do importante que é recibir atención neses primeiros minutos que se produce unha parada cardíaca. Para este ano, e tal e como se fixo no 2017, contarase coa axuda de persoal do Plan Nacional de RCP e a SEMICYUC (Sociedad Española de Medicina Intesiva, Crítica e Unidades Coronarias), así como de membros do Grupo Municipal de Emerxencias de Concello do Grove.
Nestes últimos anos, nunha decidida aposta por facer do Grove un referente no que a cardiprotección se refire en Galicia. Ademais das iniciativas de formación nos institutos e colexios da localidade, tamén se ten traballado con profesores (de todos os niveis), adestradores de clubs deportivos, Policía Local, Emerxencias, pais e nais de alumnos, empregados de instalacións públicas e do mercado municipal. No referido a equipamento, lembramos que se douto de DESAS nas instalacións deportivas, mercados municipais, colexios, coches de policía e emerxencias e mesmo nos postos de socorro das praias durante o verán. Tendo en conta a dispoñibilidade de medios, estes talleres pretenden achegar estes mesmos coñecementos e a posibilidade de actuar ao maior número de habitantes posible.