Ás 21.00 h proxectarase “Vento Ferido” un filme inspirado na obra de Carlos Casares e realizado por alumnos e profesores da Universidade de Vigo
O Concello do Grove organiza, mañá venres unha Xornada en torno ao homenaxeado este ano nas Letras Galegas. O evento contará cunha conferencia, unha proxección e un coloquio posterior que abordará a vida e a obra de Carlos Casares.
A partir das oito na Sala das Cunchas terá lugar a conferencia “Carlos Casares e a xeración dos 60”, impartida polo Catedrático de Lingua e Literatura Galega de EEMM, Xesús Manuel Valcárcel, quen afondará no marco histórico, político e social deste escritor, ademais de abordar aspectos moi persoais da súa vida e amizades, facendo fincapé na súa importancia dentro do contexto da literatura galega.
Posteriormente terá lugar a proxección do filme “Vento Ferido”, un proxecto xurdido da colaboración da Universidade de Vigo e a Fundación Carlos Casares que se basea na obra do mesmo título. Tras a película, o propio director, Miguel Grandío, e o produtor executivo, Paulino Pérez abordarán aspectos relativos ao “Cine e a literatura Galega” nun coloquio que será moderado pola comunicadora audiovisual do Grove, Dunia Álvarez Prieto.
Trátase doutro dos eventos recollidos na ampla programación deseñada para o Maio das Letras.