galego | español
texto grande
buscar

Noticias

Medio Ambiente

sábado, 8 de agosto de 2020
"O CONCELLO DO GROVE CONVERTE, UN ANO MÁIS, A PRAIA DA LANZADA NUN REFERENTE DE LIMPEZA E COIDADO MEDIOAMBIENTAL"
foto

A colaboración coas distintas organizacións de preservación medioambiental coloca A Lanzada na vangarda do coidado e da loita polo futuro dos nosos ecosistemas.

 

O Concello do Grove continúa traballando no coidado do noso ecosistema, tendo na praia da Lanzada un referente fundamental de como se deben coidar os areais e da xestión do espazo natural protexido prioritario. Unha semana antes do comezo do estado de alarma desenvolveuse, nun programa organizado por SEO/Birdlife, Abanca e coa colaboración do propio Concello, unha acción de retirada de lixo no areal. Ao igual que en anos anteriores, conmemorouse o Día Internacional do Voluntariado, no que SEO/Birdlife e a Fundación Telefónica levan máis de 15 anos organizando limpezas da praia da Lanzada.

 

Nestas actividades, ademais da propia limpeza de refugallo, desenvólvense proxectos de divulgación nos que se informa sobre a problemática das plantas exóticas invasoras nas dunas e sobre as medidas de conservación que se están levando a cabo neste areal. En todo momento hai un protagonista fundamental, a píllara das dunas, unha especie vulnerable en Galicia e que depende do espazo dunar da praia da Lanzada para se reproducir.

 

O lixo é, sen dúbida, o principal problema co que se ten que loitar neste momento, e iniciativas como o proxecto “Libera, unidos contra a basuraleza”, organizado por SEO/Birdlife e Ecoembes, buscando unha natureza sen lixo, contribúen a acabar co grave problema que supón o abandono de lixo e de residuos nos espazos naturais protexidos. Inda que o proxecto tivo que ser adiado por mor da pandemia, xa se conta cun prototipo de madeira para a colocación dos denominados “bigbags”, onde as persoas que recollen o lixo da praia durante o outono e o inverno poden depositar os residuos nas entradas das praias. Estes “bigbags” non se empregarían durante o verán, xa que se conta con servizo de recollida e limpeza, e a gran cantidade de persoas nos areais podería causar problemas na xestión separada dos residuos.

 

Todas estas actividades, e as distintas iniciativas desenvoltas polo Concello, colocan á praia da Lanzada como pioneira na xestión e concienciación medioambiental. No seu momento, medidas como a non recollida das algas ou a eliminación das papeleiras do areal foron discutidas e postas en cuestión, mais a día de hoxe son imitadas en todos os concellos de litoral de España, ao priorizarse o coidado do medio ambiente fronte á explotación excesiva do espazo. En todos os casos búscase unha convivencia equilibrada entre o desfrute da praia e o coidado do futuro do ecosistema, que resulta fundamental para a paisaxe e os recursos do Grove.

 
Galería:
 
Webcam en Directo

axenda

noticias

Rede de
bibliotecas

perfil do
contratante

portal de
turismo

boletín ADL

Apúntate ao noso boletín

boletín OMIX

Apúntate ao noso boletín

avisos sms

síguenos en
logotipo consellería innovación e industria logotipo Ministerio Industria, turismo y comercio logotipo FEDER

2009. Concello do Grove, Praza do Corgo nº 1 | T. 986 73 09 75 | F. 986 73 13 58
aviso legal | créditos | rss
páxina accesible AA rss