galego | español
texto grande
buscar

Noticias

Lingua

venres, 27 de novembro de 2020
"O CONCELLO DO GROVE PARTICIPA POR CUARTO ANO CONSECUTIVO NOS PREMIOS YOUTUBEIR@S"
foto

Un total de 537 vídeos e 68 canles compiten nuns Premios Youtubeir@s que darán a coñecer as creacións gañadoras desta cuarta edición a comezos de decembro

 

A cuarta edición dos Premios Youtubeir@s, organizados polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello do Grove, xunto cos da Baña, Ames, Moaña, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Rianxo, Santiago e Teo, das tres universidades galegas e da Deputación da Coruña, dará a coñecer as persoas gañadoras dos seus doce premios a comezos do mes de decembro. Neste atípico 2020, por mor das circunstancias sanitarias, a organización do certame substituirá a gala de entrega por un formato dixital no que as e os finalistas dos tres premios principais (canle, youtubeir@ e vídeo) serán entrevistados polas poetas Lucía Aldao e María Lado. As conversas serán emitidas en YouTube e difundidas polas redes sociais ao longo dos días 1, 2 e 3 de decembro ás 20.00 h, mentres que a decisión definitiva do xurado ao respecto do palmarés se fará pública tras a ponte de decembro. Nesta cuarta edición, os Premios Youtubeir@s bateron as marcas de participación, ao duplicar amplamente as inscricións. Se en 2019, a concorrencia acadara a cifra de 240 vídeos e 50 canles, neste 2020 o xurado ha decidir entre 537 vídeos e 68 canles.

 

Entrega de premios en liña

Tras a decisión do xurado (conformado por Brais Romero, Rosa Moreiras, Matías Tarrío, Xoana e Mabel Montes), a actividade de difusión continuará en YouTube e nas redes sociais dos Premios Youtubeir@s, xa que AldaoLado realizarán entrevistas con cada unha das persoas premiadas e promocionaranse as iniciativas galardoadas nos doce premios ao longo do mes de decembro. Dende a organización dos premios, destácase que entre as e os concorrentes deste ano se atopa un perfil de youtubeir@ máis consistente que xera contidos cunha periodicidade fixa fronte a modelos de anos anteriores, cando participaban vídeos de persoas creadoras non habituais. Ademais, apúntase a un mellor coidado das canles, dos contidos e das redes sociais empregadas polos youtubeiros e as yotubeiras xa inscritas. Detéctase, por outra banda, que están a se ampliar as temática tratadas, de xeito que asuntos menos frecuentes en edicións anteriores, como canles para nenos e nenas, fútbol, videoxogos ou o rap contan con maior presenza.

 

7.500 euros en premios

Esta cuarta edición dos Premios Youtubeir@s conta con cambios significativos nas súas bases en comparanza con anos anteriores e un incremento da súa dotación económica, que pasa dos 6500 euros de 2019 a 7500 euros para repartir nos doce galardóns do certame deste ano. Os Premios Youtubeir@s regresan por cuarto ano consecutivo co obxectivo de animar a creación de vídeos en lingua galega con temáticas e formatos diversos, dende vídeos de deportes, viaxes ou videoxogos ata videoblogs políticos ou videoconsellos de moda. Ao tempo, buscan darlle visibilidade tanto á produción en galego como á comunidade creadora e “Expandir a Rede”, como di o lema deste ano.

 

O concurso conta cos seguintes premios: canle, vídeo, youtubeir@, calidade lingüística, impacto, calidade técnica, comunicación, creatividade, musical, didáctico, pioneiro e premio do público. Os tres primeiros acompañaranse cunha dotación económica de 1000 euros e os nove restantes chegarán aos 500 euros.

 
Galería:
 
Webcam en Directo

axenda

noticias

Rede de
bibliotecas

perfil do
contratante

portal de
turismo

boletín ADL

Apúntate ao noso boletín

boletín OMIX

Apúntate ao noso boletín

avisos sms

síguenos en
logotipo consellería innovación e industria logotipo Ministerio Industria, turismo y comercio logotipo FEDER

2020. Concello do Grove, Praza do Corgo nº 1 | T. 986 73 09 75 | F. 986 73 13 58
aviso legal | créditos | rss
páxina accesible AA rss