galego | español
texto grande
buscar

Noticias

Lingua

mércores, 8 de setembro de 2021
"O CONCELLO DO GROVE ORGANIZA VARIAS ACTIVIDADES DE DINAMIZACIÓN LINGÜÍSTICA PARA A MOCIDADE DA VILA"

O Servizo de Normalización Lingüística Concello do Grove vai poñer en marcha nos vindeiros días o programa de dinamización lingüística “Bicos con lingua. Unidade didáctica”. Este programa, vaise desenvolver grazas a unha subvención concedida pola Deputación de Pontevedra este ano e coa colaboración dos dous centros de ensino secundario da vila.

 

O obxectivo principal deste programa é promover o uso do galego entre a xente nova da localidade e constará de varias actividades que comezarán a mediados deste mes e rematarán a finais do mes de outubro.

 

A primeira delas terá lugar o venres 17 de setembro ás 20.30 h na praza do Corgo coa representación da obra Bicos con lingua, a cargo de Talía Teatro. Esta peza, dirixida especialmente á mocidade, pero tamén destinada ao público en xeral, pon en escena en clave de humor diferentes situacións e usos do galego para o espectador redescubra unha lingua que existe e que medra na súa inmensa riqueza, a pesar dos usos e abusos aos que está sometida acotío. Esta actividade compleméntase cunha unidade didáctica elaborada a partir do texto da obra que logo da representación se lle entregará ao profesorado de Lingua Galega dos institutos de secundaria da vila para que traballen na clase co alumnado de ESO e de bacharelato a situación sociolingüística do noso idioma.

 

O sábado 18 de setembro será a quenda para a xente máis miúda da casa co espectáculo Ris Ras, de Baobab Teatro, dirixido a nenas e nenos de entre 1 e 7 anos e as súas familias. Esta actividade, que mestura música e teatro, pretende achegaralle a tradición oral galega á cativada da vila. A representación terá lugar na praza do Corgo, ás 19.00 h, pero en caso de mal tempo trasladarase á Casa da Cultura Manual Lueiro Rey con entrada de balde ata completar a capacidade.

 

A terceira actividade é un certame de TikTok en galego destinado ao alumnado de 3º e 4º de ESO escolarizado nos centros do municipio. O Certame “A fala do Grove en TikTok” pretende estimular a creatividade entre a mocidade, animar á creación de vídeos en lingua galega e poñer en valor o léxico peculiar da localidade. Cada participante explicará no seu vídeo o significado de palabras propias ou expresións características da vila nun vídeo que dure como máximo 1 minuto. O prazo de inscrición será do 20 de setembro ao 20 de outubro e as bases serán publicadas o vindeiro día 15 de setembro, coincidindo co inicio do curso escolar, na páxina web do Concello do Grove (www.concellodogrove.es) e no Facebook do Servizo de Normalización Lingüística municipal (www.facebook.com/snlconcellodogrove).

 

Xa para rematar o programa, a principios do mes de outubro a profesora Patricia Arias Chachero achegarase ata os institutos da vila para impartirlle ao alumnado dos últimos cursos da ESO a charla titulada “Xeliña fala galego. Un modelo de escritora monolingüe”, na que, ademais de abordar a traxectoria vital e bibliográfica de Xela Arias, autora homenaxeada nas Letras Galegas deste ano, tomará como base o relato “Xeliña fala galego”, escrito en 1968 polo pai da escritora, para invitar a reflexionar ao alumnado sobre os estereotipos e os prexuízos lingüísticos e a súa repercusión nos usos do galego.

Webcam en Directo

axenda

calendario
mes anterior setembro | 21 mes próximo
LMMXVSD
12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
27282930

noticias

Rede de
bibliotecas

perfil do
contratante

portal de
turismo

boletín ADL

Apúntate ao noso boletín

boletín OMIX

Apúntate ao noso boletín

avisos sms

síguenos en
logotipo consellería innovación e industria logotipo Ministerio Industria, turismo y comercio logotipo FEDER

2020. Concello do Grove, Praza do Corgo nº 1 | T. 986 73 09 75 | F. 986 73 13 58
aviso legal | créditos | rss
páxina accesible AA rss