A Axenda Local 21 é un proceso para implantar e desenvolver polas entidades locais que se basea na integración das políticas ambientais, económicas e sociais do concello a través da elaboración e aplicación dun Plan Estrutural ou Plan de Acción Local
A Axenda 21, ainda que non supón obrigas específicas para os paises asinantes ao non ter a condición de convenio internacional, recomenda a elaboración de estratexias nacionais de desenvolvemento sostible de acordo cun programa no que se recollen unha ampla variedade de temas que transcenden o estritamente ambiental, tales como a pobreza, a saúde ou o comercio mundial. Neste documento trátanse tamén estas cuestións a escala local, propoñendo neste ámbito que “para 1996, a maioría das autoridades locais de cada país deberían ter levado a cabo un proceso de consultas coas súas respectivas poboacións e ter logrado un consenso sobre un programa 21 para a comunidade” (Capítulo 28.2)
En Europa o proceso de implantación das Axendas 21 vén sendo liderado desde os seus comezos polas entidades locais.
Na primeira Conferencia Europea de Cidades e Poboacións Sostibles (Aalborg, 1994) aprobouse a coñecida como Carta das Cidades Europeas cara á Sostibilidade (Carta de Aalborg), que consta de tres partes. A primeira é unha Declaración de Consenso onde se subliña a importancia deste nivel de xestión nos procesos de cambio necesarios para alcanzar a desexada sostibilidade, xa que cidades e poboacións se atopan moi preto tanto do lugar onde se xeran os problemas ambientais como dos cidadáns e cidadás que os perciben.
A segunda parte da Carta de Aalborg coñécese como Campaña Europea de Cidades e Poboacións Sostibles e ten como obxectivo animar e prestar apoio ás cidades e poboacións que traballen a prol da sostibilidade (labor este en que destaca o ICLEI -The Internacional Council for Local Envirnmental Initiatives-, ainda que a súa constitución sexa anterior á sinatura desta carta); mentres que a terceira parte refírese á participación nas iniciativas locais da Axenda 21, compromentendo os asinantes a desenvolver, no seo de cadansúa comunidade e de xeito consensuado, plans de acción local a favor da sostibilidade que as involucren nas Axendas 21 locais.
No Concello estamos a traballar para que nun futuro se poida poñer en práctica a tan agardada Axenda 21.