A Concellería de Medio Ambiente quere difundir entre a poboación unha mensaxe de conservación e respecto a favor do medio natural. Con esta finalidade deseñou un programa de actividades que se estende a todos os rangos de idade.
Obradoiro de residuos-Papel e Cartón
Os centros de primaria poderán participar neste obradoiro que lles mostra aos máis cativos cales son as vantaxes da reciclaxe. Dun xeito práctico poderán comprobar que moitos dos residuos que creamos poden ser reutilizados.
Visita ás instalacións de SOGAMA
Ao longo do ano organizaranse diversas saídas ás instalacións que SOGAMA (Sociedade Galega de Medio Ambiente) ten en Cerceda. Os participantes serán guiados por persoal de SOGAMA, mostrándolles como se realiza o tratamento dos residuos que deixamos nos colectores amarelos e verdes. Poderán comprobar que o lixo non acaba no colector, senón que ao longo da súa vida útil ofrece unha achega extra de enerxía e de materias primas.
Eliminación de plantas invasivas
A costa da península do Grove conserva unha extraordinaria diversidade ecolóxica a nivel vexetal e animal. Ás veces estes ecosistemas son alterados pola presenza de especies foráneas, que se desenvolven con extraordinaria facilidade, ocupando grandes extensións de terra e desprazando as especies autóctonas.
Os estudantes de secundaria realizarán saídas de campo para coñecer as especies invasivas máis frecuentes na nosa costa. A actividade acabará cunha sesión de campo en que participarán en labores de recuperación das zonas afectadas.