A Deputación de Pontevedra ven de resolver a concesión da subvención de contratación de persoal.
O Concello do Grove procederá a contratación de persoal para traballo en obras e servizos municpais. A Deputación de Pontevedra acaba de resolver a concesión da subvención para a contratación de traballadores e traballadoras en situación de desemprego inscritos no Servizo Público de Emprego (SPEG). Trátase dunha das liñas do Plan Concellos 2019, concretamente a liña 3 deste plan de financiamento referida ao emprego para conservación e funcionamento de bens e servizos municipais que está dotada con 9,5 millóns de euros para toda a provincia, a mesma cantidade coa que contaba en 2018.
A Deputación aporta 177.651,25 euros que posibilitarán a contratación de 21 persoas para a realización de obras e servizos de interese social. As prazas que se convocan son a xornada completa e por períodos de 5 a 6 meses. Así, procederase á contratación de 9 peóns de obras públicas, 1 carpinteiro, 3 peóns forestais, 2 peóns de xardinería, 1 auxiliar administrativo, 3 condutores de camión e 2 auxiliares de turismo. Os diversos procesos de selección realizaranse a través da Oficina de Emprego de Cambados, atendendo ás características de cada unha das prazas ofertadas.