galego | español
texto grande
buscar

Noticias

Emprego e Desenvolvemento Local

luns, 25 de maio de 2020
"O CONCELLO DO GROVE TRABALLA NA CONTRATACIÓN DE 24 OPERARIOS MÁIS DOS HABITUAIS PARA PODER POÑER A LOCALIDADE A PUNTO"

 

É preciso multiplicar o persoal de limpeza e mantemento para recuperar a vila das consecuencias do parón do confinamento e conseguir que volva a resultar adecuada para a veciñanza e para quen nos visite.

 

Segundo o informe realizado entre o xefe de servizos, vías e obras e o técnico de medio ambiente, no que se repasan as necesidades e a situación real dos servizos no relativo ao persoal dispoñible e á cobertura posible en canto a limpeza de beirarrúas, praias, camiños e espazos públicos en xeral, o Concello do Grove vai precisar a partir das vindeiras semanas un incremento moi notable de persoal para esas áreas. O exhaustivo informe realizado grazas ao traballo de varias semanas permite realizar unha radiografía detallada de como se atopan os servizos, dos extras que serán necesarios na volta á normalidade e, por suposto, dunha valoración sobre o bo funcionamento dos servizos a longo prazo ao se converter a limpeza, se cabe, nun dos servizos máis prioritarios.

 

Limpeza de rúas

 

No tocante á limpeza de rúas, o informe explica que existen catro eixes de traballo: as rutas principais, con oito itinerarios no núcleo urbano; as rutas alternativas, con Meloxo, O Porto de Meloxo, Virxe das Mareas e Pedras Negras como zonas de traballo; a quenda de tarde, con catro itinerarios na época de verán, e os domingos e festivos, coas áreas de alta frecuencia. No que se refire ás rutas principais, o Concello conta con oito operarios dispoñibles, pero nomomento actual tan só tres se ocupan das rutas, xa que outros dous están en xardíns, dous atópanse de vacacións e un está en servizos de desinfección. Deste xeito cóbrense tan só as rutas de Castelao, Beiramar, Luis A. Mestre, Lordelo e as rúas peonís. Todo isto implica que as necesidades mínimas anuais son de oito operarios para cubrir as oito rutas cun operario adicional que permita a rotación das vacacións. Todo isto supón, ademais, que cómpre a contratación de dous xardineiros/as e un operario para desinfección se se segue facendo esta actividade. Isto supón que será precisa a contratación de cinco operarios/as para o bo funcionamento deste eixe de traballo.

 

Nas rutas alternativas é mester un operario, do cal non se dispón na actualidade, xa que é unha área que leva dous anos sen ser cuberta. Para a quenda de tarde é preciso contar con dous operarios sen que na actualidade se conte con ninguén, sendo este persoal especialmente importante durante o período de verán. No relativo a domingos e festivos, tamén é necesario contar cun operario que agora mesmo non está dispoñible debido á diminución de servizos que se produciu o pasado ano. Os técnicos tamén consideran importante a posibilidade de contar cun operario durante o período de verán para o traballo específico na zona de Pedras Negras, onde a demanda se volve moi elevada pola poboación establecida nese lugar durante as vacacións. Así pois, nestes eixes será precisa a contratación de cinco operarios, dous necesarios para todo o ano e tres para reforzo do servizo estival.

 

Rozas en San Vicente e San Martiño

 

Xa no referido ás rozas, o persoal existente divídese en dúas brigadas: a da parroquia de San Vicente e a da parroquia de San Martiño. No caso da parroquia de San Martiño, estanse acometendo varias actuacións simultáneas para a volta á normalidade. Establecéronse unhas prioridades que son a Entrada do Grove, a avenida do Conde, a avenida de Portugal, Boibas, A Graña e o Camiño Vello de Ardia. Durante o estado de alarma estiveron traballando nestas zonas catro operarios de roza e dous de recollida; coa volta á normalidade tan só serían precisos dous rozadores, un operario de recollida e outro operario adicional para cubrir as vacacións. O problema xorde cando o proceso de selección posto en marcha tan só permitiu a contratación de tres operarios destinados a San Vicente, o que fai preciso reabrir outro procedemento para cubrir o espazo que actualmente está sen persoal dispoñible.

 

Na parroquia de San Vicente propóñense dúas liñas de actuación. Unha primeira co reforzo do servizo para recuperar a situación de normalidade e logo a que establecería a partir dese momento. Na primeira fase marcáronse prioridades, que comezan en San Vicente do Mar e Pedras Negras, despois o centro da Area (illas, parques, zona de Guillán, estradas lindantes e camiños), os camiños da zona das Valadas, a baixada ás praias e os miradoiros. Durante o estado de alarma esta zona contou con catro operarios de roza e dous de recollida, estando un en período de vacacións. No momento actual cóntase con dous operarios para a realización da roza, un de recollida, e outro atópase de vacacións. A día de hoxe é a Deputación quen está facendo traballos de limpeza nesta zona, para o que se fixo o proceso de selección de tres rozadores que estarán contratados arredor de 15 días.

 

Debe destacarse que O Grove contará co que se denomina “Brigada de Auga Salgada”, que estará formada por dúas persoas que se encargarán de botar auga salgada nas zonas onde se fixese a roza para retrasar o crecemento das herbas. Todas estas necesidades indican que para este eido de traballo serán necesarias sete contratacións.

Monte Central e xardíns

 

Noutra liña indícase o traballo relativo ao Monte Central da Illa da Toxa, onde o plan de limpeza requirira dun tractor que deberá encargarse de rozar 20 hectáreas, cun operario para encargarse disto durante un mes, ademais doutro operario de roza contratado durante dous meses e medio. Este persoal será preciso durante o verán e deberá continuar traballando nos seguintes meses.

 

En canto aos xardíns, contémplase dúas accións: a primeira, referida á entrada do Grove e ás rotondas, e unha segunda destinada aos xardíns interiores da vila, que se desenvolverán de xeito simultáneo. A necesidade anual é de tres xardiñeiros/as, pero para o estado de alarma serán preciso seis (os tres anuais e tres durante dous meses para recuperar o estado dos xardíns). Na actualidade hai dous xardineiros, que en realidade, corresponderían a operarios de limpeza, e outro traballador atópase de baixa. Tamén se está recibido a axuda da asociación Bata. Todo isto fai necesaria e urxente a convocatoria de prazas.

 

Outras áreas fundamentais

 

Por último cómpre falarmos do baldeo de rúas. Malia que hai uns meses que se fixo unha limpeza exhaustiva do pavimento en varios lugares da vila, é preciso repasar as zonas de máis uso e áreas periféricas. Para iso cómpre un equipo de dous operarios e unha máquina de fregado que traballen de xuño a setembro. Debe terse en conta que na actualidade non existe este servizo como área específica.

 

Tamén se destaca no informe que se deberá crear un equipo de retirada de trastes e mobles vellos, xa que o período de confinamento parece que agravou o comportamento delituoso de abandonar este tipo de lixo en zonas forestais e urbanas. Este servizo é considerado imprescindible, pois é algo especialmente grave en calquera contorna, pero máis nunha localidade turística. Así pois, proponse contar con dous operarios durante todo o ano para este fin, ao tempo que se incrementa a presión sobre as persoas infractoras, o seguimento e as sancións.

 

Incremento da contratación

 

Como se pode observar, todo isto require dun aumento da contratación de persoal. Así, ás habituais contratacións temporais realizadas co Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, haberá que engadirlles persoal que nos últimos anos no estaba previsto, como operarios de baldeo, operarios para a roza do Monte Central ou varredores para a quenda de tarde. O Concello xa informou de que con esta información técnica poñerá en marcha procesos que lle permitan cubrir estas necesidades nos vindeiros meses.

 

 

Webcam en Directo

axenda

calendario
mes anterior xullo | 20 mes próximo
LMMXVSD
12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
2728293031

noticias

Rede de
bibliotecas

perfil do
contratante

portal de
turismo

boletín ADL

Apúntate ao noso boletín

boletín OMIX

Apúntate ao noso boletín

avisos sms

síguenos en
logotipo consellería innovación e industria logotipo Ministerio Industria, turismo y comercio logotipo FEDER

2009. Concello do Grove, Praza do Corgo nº 1 | T. 986 73 09 75 | F. 986 73 13 58
aviso legal | créditos | rss
páxina accesible AA rss