Nas última semanas téñense presentado queixas por estes incumprimentos, especialmente no referido aos colectores de vidro.
O Concello do Grove solicita a colaboración cidadá no relativo á xestión de residuos que, durante estes meses, resulta especialmente complexa. A problemática non só vén do incremento das cantidades de lixo debido á alta ocupación da localidade, senón ás altas temperaturas e ao respecto do descanso dos veciños e veciñas. Deste xeito, estas semanas téñense recollido queixas de como nalgunha das rúas do centro non se están respectando os horarios, o que xera malos cheiros nos colectores de residuos orgánicos (onde o lixo só pode depositarse a partir das 20.00 horas) e problemas de ruídos nos colectores de vidro, nos que só se poden depositar os residuos antes das doce da noite.
O Concello comezará estes días unha campaña informativa na que revisará e renovará os carteis de horarios nos puntos de recollida, no caso de ser necesario, e informará as persoas que non os cumpran sobre a necesidade de facelo. Lembramos que, no caso de que se produzan incumprimentos reiterados, a normativa municipal contempla sancións económicas.