O Plan especial de limpeza pola Covid-19 segue operativo nas rúas da localidade.
O Plan especial de limpeza posto en marcha hai xa máis de dous meses polo Concello do Grove segue operativo cun reforzo do traballo de limpeza das rúas. Así, os luns, mércores, venres e sábados realízase un baldeo das rúas e dos colectores de lixo, mantendo a mesma frecuencia diaria de desinfección e lavado das papeleiras.
O dato máis preocupante está na recollida de máscaras e luvas. Como referencia, entre a semana do 28 de xullo ao 3 de agosto retiráronse do chan das rúas do Grove 201 máscaras e 80 luvas, información que resulta moi pouco tranquilizadora, dado o carácter especial destes materiais, que deben desbotarse adecuadamente no colector de lixo orgánico, preferentemente, de xeito separado co resto de refugallos do domicilio. Dende o Concello do Grove faise un chamamento á poboación para que sexa consciente da gravidade deste comportamento e para que teña especial coidado con estes elementos de protección, tan fundamentais no período actual.