A veciñanza interesada na práctica do esquí e do snow poderá practicar estes deportes do 6 ao 11 de marzo do vindeiro ano no principado pirenaico
O Concello do Grove, a través da Concellería de Deportes, acaba de abrir a inscrición para a sexta edición da actividade “Semana Branca” en Andorra, que terá lugar entre o 6 e o 11 de marzo de 2022.
Trátase dunha actividade que pretende facilitarlles a práctica dos deportes de neve ás persoas do municipio nun lugar privilexiado por un prezo moi axustado, 549 euros por persoa, que inclúe, ademais da viaxe en autocar gran turismo e do seguro de viaxe, 5 noites de aloxamento en réxime de media pensión, 5 merendas, 5 días de “Forfait Grandvalira” con acceso a todos os sectores, 15 horas de clases colectivas de esquí ou snow con monitores profesionais na propia estación, 5 comidas en pista tipo “menú express”, 5 días de alugamento de material de esquí estándar e libre acceso ás zonas de relax da estación (piscina climatizada, sauna, jacuzzi e ximnasio).
As persoas interesadas en participar nesta actividade deberán inscribirse na axencia de viaxes ViabusTravel, situada no número 20 da rúa Sineiro do Grove, ou chamando ao teléfono 986 732 336.