O Concello do Grove aprobou na Xunta de Goberno desta semana as obras para mellorar o firme de varias rúas da localidade, en concreto, da zona de Rons e Terra de Porto e tamén do Paseo do Esteiro e do de Lordelo. O proxecto, que está programado para o vindeiro mes de xaneiro, está pendente dun informe de Patrimonio para a súa licitación, pois hai unha parte afectada pola proximidade do xacemento de Cantodorxo.
Os traballos consistirán en botar unha capa de asfalto, xa que o actual está en moi mal estado por ser unha zona moi transitada. Son tres actuacións vinculadas que sairán a concurso no mesmo contrato, cuxo importe total rolda os 212.000 euros, subvencionados polo Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
Estas obras, moi demandadas pola veciñanza da zona, están encadradas no Plan municipal de mellora e conservación dos barrios, que continuará en 2022 co amaño doutras rúas do municipio.