• O prazo para a presentación dos traballos remata o 15 de setembro de 2022.
O Grove, 23/05/2022.- O Concello do Grove convoca a XXIX edición do premio de novela curta Manuel Lueiro Rey. Esta semana comezarase a distribuír as bases por toda a xeografía galega: concellos, bibliotecas, casas de cultura, institutos de ensinanza secundaria, asociacións de escritores en lingua galega, editoriais, medios de comunicación… O Premio de novela curta Manuel Lueiro Rey é un premio literario convocado polo Concello do Grove dende 1992, e que conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra.
O obxectivo da convocatoria é honrar a vida e obra do escritor e xornalista e, asemade, coadxuvar na promoción da escrita en galego e na divulgación dos seus autores. O premio está dotado con 3.000 euros e a publicación da obra gañadora por Edicións Xerais de Galicia. Poderá concorrer ao premio calquera persoa física que presente o seu texto en lingua galega. As bases, que xa se poden consultar na páxina web do Concello do Grove –www.concellodogrove.es-, establecen o prazo límite de presentación dos traballos o 15 de setembro. Os textos han ter unha extensión mínima de cincuenta páxinas e máxima de cen, en folio din A4, de dou mil cincocentos caracteres cada páxina, aproximadamente, espazamento entre liñas de 1,5 e as follas deberán de estar paxinadas.
O xurado estará composto por cinco persoas, unha delas será o gañador da XXVIII edición do premio, Lionel Rexes Martínez , pola obra “A montaña do poeta”, e os outros catro compoñentes serán especialistas en literatura e crítica literaria. O premio único outorgarase por maioría simple de votos.