O Grove, 18/07/2022.- As actividades desenvolveranse ata o 30 de agosto con “paquetes de vacacións” para os lectores e lectoras.
A Rede de Bibliotecas do Grove acaba de poñer en marcha esta iniciativa de dinamización lectora que se desenvolverá ata o 30 de agosto. Baixo o título “Pasaporte a unha lectura” proponse unha programación inspirada no proxecto “Blind Date with a Book”, da Biblioteca Pública de Los Ángeles (EE.UU.), onde conseguiu un notable éxito.
Pártese da idea de que o verán adoita ser unha época de viaxe coa familia, cos amigos e amigas ou en solitario pero tamén, para moitas persoas, é unha época de moito traballo polo que, como di Emily Dickinson: “Para viaxar lonxe, non hai mellor nave que un libro”. Deste xeito, a Rede de Bibliotecas do Grove convida a viaxar con libros con propostas que inclúen destinos, lugares, plans de escapadas... A finalidade é sorprender e animar a cidadanía a achegarse ás bibliotecas do Grove incentivando a lectura de xéneros e autores que, en principio, non serían os habituais entre os lectores, fomentando así os hábitos de lectura.
Atreverans as lectoras e lectores a viaxar sen saber cal é o teu destino? Para participar tan só é preciso achegarse á Rede de Bibliotecas do Grove e coller un dos “paquetes de vacacións”. Cada lote inclúe unha selección de libros “que non poden quedar sen ler” e que poden ser de todo tipo: dende novela romántica, de misterio ou histórica, ata un libro de cociña ou un cómic... O destino será unha sorpresa que as e os usuarios non descubrirán ao abrir o paquete na súa casa. Todos os participantes obterán un pasaporte de lectura e participarán nun sorteo que se realizará a finais de agosto de 2022.
Pode ver o vídeo sobre a actividade premendo na seguinte ligazón: https://cutt.ly/ChcWjEf