O Grove, 19 de abril de 2023.- No BOPPO núm. 75 de 19 de abril publicáronse as Bases e Convocatoria para a concesión de subvencións a asociacións e entidades sen ánimo de lucro que desenvolvan actividades culturais no ano 2023.
Esta convocatoria ten por obxecto regular o procedemento da concesión de subvencións en réxime de libre concorrencia para fomentar as actividades que, no eido da cultura e nas súas diversas formas, promovan asociacións culturais sen ánimo de lucro, que poidan ser consideradas de interese cultural para o Concello do Grove e dirixidas á poboación en xeral.
O Concello do Grove concederá axudas económicas por un importe total de 30.000 euros para promover, fomentar e difundir aquelas actividades culturais que organicen as persoas físicas ou xurídicas sen fin de lucro no seu ámbito territorial, cando teñan relevancia para os intereses municipais.
As entidades culturais que desexen acceder a estas axudas teñen nun prazo de 30 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia, para presentar as súas solicitudes no Rexistro Xeral Electrónico do Concello do Grove ou en calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.