O Grove, 25/04/2023.- O Concello do Grove ofrecerá esta semana no Auditorio do Grove unha función teatral para o alumnado de Educación Primaria. Esta actividade ten como obxectivo o achegamento do teatro e o auditorio á rapazada da vila.
O mércores 26 de abril a partir das 12.00 h representarase no Auditorio do Grove “Cartoóns”, un marabilloso e divertido espectáculo clown de 50 minutos cheo de música e diversión.
CARTÓONS é unha creación de Víctor Mosqueira e Josito Porto, mas botan man de algúns colaboradores, como Quico Cadaval, Kukas e Pepe Quintela. Espectáculo recomendado para todas as idades e especialmente adicado a rapaces e rapazas de 4 a 12 anos. Finalista dos Premios de Teatro María Casares á Mellor Espectáculo Infantil. Máis de 100 funcións realizadas incluíndo festivais como a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, o Festival de Teatro Galego, a Mostra Internacional de Teatro Cómico de Maya, a Mostra Internacional de Valongo ou Festival Internacional Folia en Lousada.
O espectáculo estimula no auditorio infantil o impulso lúdico, a capacidade mimética, a plasticidade imaxinativa e a creatividade orientada. Tamén é un vehículo de valores, como a colaboración, o traballo colectivo, a solidariedade, a consciencia ecolóxica, a empatía social e a autosuficiencia. A arte poética de converter o refugallo en bens de uso tamén incide nas tres famosas "R"s do ecoloxismo: reducir, reutilizar, reciclar.
Grazas á colaboración do Concello cos centros educativos de ensinanza primaria do Grove, achegarase ao Auditorio o alumnado de Educación Primaria para asistir á representación desta peza teatral.