Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O Concello aumenta a iluminación na rúa Castelao sen incrementar o consumo

Fecha: 2014-04-10

O Concello do Grove, a través da Concellería de Obras e Servizos, comezou esta mañá o cambio da iluminación na rúa Castelao, unha actuación que permitirá mellorar de xeito significativo a cantidade de luz que había ata o de agora. A concellería inviste 20.000 euros en colocar seis columnas con doce luminarias, pasando dos cinco lumens de luz actuais a vinte, e mesmo consegue reducir sensiblemente o consumo.

Con este cambio conséguese mellorar a calidade da rúa, dando resposta a unha demanda de veciños e comerciantes da zona. Así, o Concello do Grove encargoulle hai uns meses a Emgrobes que realizase unha enquisa entre os seus asociados para valorar a satisfacción coa iluminación desta rúa, demostrando que non satisfacía a maioría dos comercios preguntados.

Recordan, desde o Concello, que sobre a rúa Castelao investiu o anterior goberno preto de 130.000 euros con cargo ao Plan E para situar a potencia moi por debaixo da media en rúas comerciais e sen reducir o consumo. Actualmente, a potencia na rúa Castelao está en cinco puntos, cando o normal é que sexa de vinte. “Agora imos facer máis con menos diñeiro. Cun 15% dese orzamento vaise mellorar notablemente a iluminación da rúa Castelao sen que isto repercuta nun aumento do consumo”, matiza o concelleiro Manuel Ochoa.