Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

Nadal en galego

Fecha: 2009-12-23

A Concellaría de Cultura, Patrimonio e Normalización Lingüística do Concello do Grove, a través do Servizo de Normalización Lingüística (SNL), puxo en marcha estes días dúas campañas de dinamización lingüística.  

 

Os Reis Magos Falan galego procura promover entre as rapazas e rapaces mecos a escrita das cartas aos Reis Magos en galego. O SNL do Concello preparou un modelo de carta aos Reis Magos con frases introdutorias en galego para que a rapazada poida pedir os seus agasallos nesta lingua. A carta está deseñada utilizando debuxos do debuxante local Gogue e foi distribuída entre os centros educativos de educación infantil e primaria do municipio. As cartas, unha vez escritas, poden depositarse antes do día de Reis nas caixas do correo postas para o efecto nas casas da cultura do Grove e de San Vicente, ou na do Carteiro Real.

 

 

 

 

A segunda campaña, Merca no Grove, merca en galego, feita en colaboración coa Concellaría de Comercio e co IES As Bizocas, é unha iniciativa dirixida especificamente ao comercio local da vila para estender o uso do galego neste sector e incentivar os valores positivos que engade o uso da nosa lingua na comunicación comercial, ao tempo que anima a mercar no propio concello nesta época do ano próxima ás festas en que se fan máis agasallos.

Desta volta repartiuse entre un gran número de comercios locais un material orixinal cun deseño atractivo que, alén de cumprir co obxectivo de introducir o galego neste ámbito de uso, resultará de utilidade para o traballo das e dos comerciantes nestas datas. Este material consistiu nun cartel co lema da campaña, calendarios de peto co mesmo deseño ca o cartel, catro modelos distintos de etiquetas para os agasallos impresas a toda cor con lendas como “parabéns” ou “con todo o meu cariño” e seis modelos de postais do Nadal para repartir entre a clientela deseñadas por rapaces e rapazas de primeiro curso da ESO do IES As Bizocas.