Visitas á biblioteca, xogos populares e atraccións, esta semana na Escola de Verán da Concellería de Educación
Fecha: 2014-08-11
Participan 180 nenos e nenas de entre 3 e 12 anos
Desenvólvese de luns a venres no colexio Rosalía de Castro
Os 180 nenos e nenas da Escola de Verán que organiza a Concellería de Educación gozarán esta semana de xogos populares, visita ás atraccións do Corgo así como á biblioteca municipal, onde serán recibidos polo persoal para gozar de sesións de contacontos.
Será este mércores cando comecen as visitas por grupos de idades á biblioteca. Os primeiros en acudir serán os nenos de 3 anos, mentres que os de 4 farán o propio o xoves. O resto de grupos dividiranse entre as dúas semanas próximas. Na biblioteca recibiraos o persoal desa instalación municipal para explicarlles, a través de xogos, as normas e usos do servizo. Posteriormente, haberá sesión de contacontos a cargo do mesmo persoal da biblioteca. Para os máis pequenos os títulos elixidos son Rosa Caramelo, de Adela Turin, e ¿Un ratón?, de Guido van Genechten. Ademais, organizaranse actividades sobre os contos e deixarase un espazo de tempo para que nenos e nenas, acompañados polos seus monitores, poidan mirar os libros da sección infantil. Cada neno do campamento recibirá o seu carné da biblioteca e, no caso dos usuarios que xa o teñen, entregaráselles unha credencial de recoñecemento por ser socio.
Esta é unha das actividades nas que a Rede de Bibliotecas colabora coa Escola de Verán do Concello do Grove. Así, a Maleta Viaxeira visita o campamento con títulos de literatura infantil e xuvenil coa que semanalmente traballan os monitores.
Esta mañá inaugurouse a semana dedicada a Robin Hood; achegarase os participantes a diferentes lendas locais, así como ás árbores e aos bosques. Mañá martes será a quenda dos xogos populares e colocaranse no patio do colexio Rosalía de Castro unha selección das pezas que posúe o Concello do Grove para que todos os nenos gocen deles.
Xa o xoves, os maiores farán unha saída ata a praza do Corgo para gozar de varias viaxes na atracción Dragón, grazas á colaboración dos seus responsables co Concello. A semana pasada foi a vez dos máis pequenos, que o pasaron xenial nas viaxes que fixeron na atracción Baby 2000.
Estas actividades súmanse a outras moitas que xa tiveron lugar durante as últimas semanas, entre as que se incluíron o consumo de conservas, grazas ao programa Ponlle as pilas ao teu bocata; a Festa da Espuma, coa colaboración de Protección Civil; visitas ao Monte Central e á praia; almorzos saudables…
A Escola de Verán do Concello do Grove desenvólvese durante os meses de xullo e de agosto no colexio Rosalía de Castro co obxectivo de garantir a plena conciliación familiar e laboral, de xeito que as familias dispoñan dun espazo onde poder deixar os seus fillos con plena confianza, e que os pequenos gocen de múltiples actividades durante as súas vacacións de verán. Os prezos do programa mantéñense con respecto a anos anteriores. A Concellería de Educación volve a subvencionar esta actividade para as nenas e os nenos empadroados no municipio, con 30 euros por cada neno e mes.