La Concellería de Educación clausura el viernes la Escola de Verán con una Fiesta Hawaiana y el espectáculo de Javi Solla
Fecha: 2014-08-26
O Concello do Grove clausura este venres a Escola de Verán cunha festa hawaiana á que están convidados os 240 nenos e nenas que participaron neste campamento nalgunha quincena do verán. Para iso, a Concellería de Educación e a empresa que coordina o campamento, Praxe & Ocio, xa están organizando unha xornada lúdica chea de xogos e co espectáculo do artista grovense Javi Solla. Do decorado hawaiano encárganse os nenos e nenas que actualmente están na Escola de Verán.
A festa desenvolverase no horario habitual do campamento, entre as 9.30 e as 13.30 horas, nas instalacións do colexio Rosalía de Castro. Pero ata a despedida aínda quedan moitas actividades e festas que gozar. Continúan as visitas á Biblioteca Municipal do Grove, con visitas polas instalacións, xogos e contacontos; mentres que mañá mércores recibirán a visita de Teresa González Costa, escritora e actriz grovense. Xa o xoves, e sempre que o tempo acompañe, repetirán a Festa da Espuma coa colaboración de Protección Civil do Grove.
Estas actividades súmanse a outras moitas que xa tiveron lugar durante as últimas semanas, entre as que se incluíron o consumo de conservas, grazas ao programa Ponlle as pilas ao teu bocata; visitas ao Monte Central, á praza de abastos; parques e á praia; almorzos saudables; a proxección do documental Cadernas da historial. Arte e oficio da dorna; saídas ás atraccións do Corgo...
A Escola de Verán do Concello do Grove desenvolveuse durante os meses de xullo e de agosto no colexio Rosalía de Castro, e permitiu a conciliación laboral e familiar de preto de 240 familias durante todo o verán. O obxectivo do programa é garantir a plena compatibilidade dos horarios familiares e laborais, de xeito que os pais dispoñan dun espazo onde poder deixar aos seus fillos con plena confianza, e que os pequenos gocen de múltiples actividades durante as súas vacacións de verán. Os prezos do programa mantivéronse con respecto a anos anteriores. A Concellería de Educación volveu subvencionar esta actividade para os nenos e as nenas empadroadas no municipio con 30 euros por cada neno e mes.