Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O alumnado de infantil e primaria mellorará o seu inglés co programa de contacontos da Concellería de Educación

Fecha: 2015-03-25

 

Son representacións teatrais 100% en inglés, adaptadas ás idades dos escolares

A programación infantil “Contamos contigo” continúa o sábado na Axencia de Lectura de San Vicente

 

A Concellería de Educación do Grove continúa na súa aposta decidida por fomentar a inmersión na lingua inglesa dos escolares do municipio e, nesta ocasión, organiza contacontos en inglés nos diferentes centros de ensinanza infantil e primaria. Trátase de storytimes, representacións teatrais 100% en inglés, adaptadas ás idades do alumnado co obxectivo de que afiancen a aprendizaxe neste idioma.

 

A través de distintas personaxes, cancións e material complementario, as storytimes transportan os nenos e nenas a un mundo cheo de fantasía. O alumnado goza dun momento divertido e entretido ao mesmo tempo que aprende inglés de xeito natural e participa en historias emocionantes.

 

Os contacontos organizaranse nos propios colexios. A primeira parada será no centro As Bizocas, mañá xoves. Alí todo o alumnado do centro participará da historia Gina Ginger’s Birthday, na que Gina quere celebrar unha festa de aniversario, pero os seus amigos dinlle que non poden asistir. O que ela non sabe é que, en realidade, estanlle preparando unha festa sorpresa! 

 

Xa o venres é a quenda do colexio Conmeniño. Alí o alumnado dos últimos cursos de primaria practicarán o seu inglés co contacontos The dressmaker. O soño de Sophie é ser unha deseñadora de moda famosa e por iso espía á modista do seu barrio, Dottie. 

 

Xa á volta das vacacións de Semana Santa, o programa municipal de contacontos en inglés continuará na Escola Infantil Monte da Vila, no colexio Rosalía de Castro e no colexio Nuestra Señora del Carmen.

 

Visitas á biblioteca municipal

Por outra banda, continúan as visitas dos centros escolares á Biblioteca Municipal do Grove. O venres visitará as instalacións o alumnado de infantil e primaria do colexio Conmeniño. Recibirán explicacións sobre o seu funcionamento e o servizo de préstamos, visitarán todas as instalación, con especial atención á sala infantil, e gozarán dos contacontos interpretados polo personal da biblioteca.

 

Programación Contamos Contigo

Ademais, esta fin de semana continúa a programación infantil Contamos contigo, que organizan de forma conxunta as concellerías de Educación e de Documentación, Patrimonio e Novas Tecnoloxías. O venres conclúe o obradoiro de Cociña divertida no restaurante Almacén do Avó, mentres que o sábado a actividade trasládase á Axencia de Lectura de San Vicente co contacontos da compañía Trinke Trinke teatro.

 

Durante o mes de marzo quince nenos e nenas de 10 a 14 anos participaron no obradoiro de Cociña, que conseguiu espertar a atención dos máis pequenos da casa pola cociña, así como a súa imaxinación e creatividade. Cada venres os participantes realizaron todos os pasos para a elaboración dun menú completo: primeiro prato, segundo e sobremesa.

 

O sábado 28 a programación trasládase a San Vicente. Na Axencia de Lectura, ás 11:30 horas, terá lugar o contacontos da compañía Trinke Trinke teatro. Está dirixido á rapazada a partir de 4 anos. Os condutores das actividades son uns personaxes fantásticos, os Ratos da Biblioteca, que proceden dun lugar chamado Lonxedetodo, onde os libros e a lectura ocupan un lugar sobranceiro na vida da comunidade. É preciso inscrición previa na Rede de Bibliotecas do Grove.