Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

A Concellería de Educación e o SNL municipal organizan un obradoiro de lingua portuguesa

Fecha: 2015-05-04

 

A actividade terá lugar o venres 8 de maio, ás 19.00 h, na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey

Cómpre inscrición previa no Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello

 

A Concellería de Educación do Concello do Grove e o SNL municipal organizan Ops! O portugués simples, un obradoiro de portugués gratuíto e aberto ao público en xeral impartido pola AGAL, Ass. Galega da Língua.

 

Ops! é un obradoiro para amosarlles a alumnos e alumnas do noso sistema educativo e á cidadanía do país que o galego é unha entrada privilexiada para acceder ao mundo en portugués e, asemade, facerlles ver a nosa vantaxe competitiva no cadro español e europeo. Porque o plurilingüismo vai ter cada vez máis valor, promovido pola globalización e as institucións políticas (comezando pola Unión Europea) e porque en épocas de crise é cando cómpre afinar onde imos investir os nosos recursos e depositar a nosa atención.

 

O principal obxectivo desta acción formativa é pór en valor a lingua galega, facendo ver a súa potencialidade e contrarrestando os prexuízos que a infravaloran, ao tempo que se lles mostra aos participantes que o portugués é a sexta lingua máis falada no mundo, oficial en 4 continentes e 8 países, sendo un deles o Brasil, potencia emerxente (4.ª atendendo ao PIB).

 

O obradoiro ten un formato de 100 minutos e nel fomentarase a interacción cos participantes mediante presentacións en Office Impress, internet, música e diversos contidos audiovisuais.

 

As persoas interesadas deben inscribirse previamente no SNL do Concello do Grove, enviando un correo ao seu enderezo electrónico (normalizacionlinguistica@concellodogrove.es), chamando ao teléfono 986 733 190 (de luns a venres, de 11.30 a 13.00 h) ou persoalmente na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey (r. Monte da Vila, 11).