Mala Sombra achegará ata San Vicente a obra de teatro ‘Go on!’
Fecha: 2015-05-06
A representación, organizada pola Concellería de Cultura e Terceira Idade terá lugar na Casa da Cultura Ángel Vázquez Heredere o domingo 10 de maio
A Casa da Cultura de San Vicente será o escenario da representación da obra de teatro Go On! a cargo da compañía Producións MalaSombra.
A representación, organizada pola Concellería de Cultura e Terceira Idade do Concello do Grove, terá lugar o vindeiro domingo 10 de maio a partir das 20.00 h e con entrada libre ata completar a capacidade.
Go on! é unha odisea cómica no espazo galego na que os seus protagonistas, dous exploradores que se adentran nas descoñecidas terras galaicas a través da ruta xacobea despois da chegada do home á lúa, vanse atopando con tópicos galegos como a Santa Compaña, un tren que avanza a velocidade negativa, Xosé Ramón Gayoso ou a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, entre outros. Ademais estes protagonistas descobren que a palabra máis utilizada en Galicia é "depende".
Esta comedia, escrita por Jose Luis Prieto e dirixida por marcos Orsi, está protagonizada polos actores Xoque Carbajal e Josué García.
Sinopse
Logo da chegada do home á Lúa, á humanidade só lle faltaba un reto: a chegada do home a Galicia. No ano 2010 (ano 25 despois de Gayoso), dous intrépidos exploradores tiveron o valor de adentrarse nas descoñecidas terras galaicas a través da ruta xacobea.
Go on! recompila esta experiencia límite que deixa aos do Ao fío do imposible coma simples boyscouts.
Go on! é unha emocionante novela de aventuras na que os seus protagonistas viven situación extremas como o terrible ataque do desapiadado can de palleiro ou a entrevista a un porco no corredor da morte.
Go on! é un completo folleto turístico que servirá para que outros ousados viaxeiros saiban como conseguir alimento nas festas gastronómicas ou como cantarlle unha saeta á Santa Compaña.
Go on! é un manual de supervivencia imprescindible para saber como sobrevivir tres días nunha vila en festas ou como viaxar nun tren galego a velocidade negativa cheo de galegos cantando cancións populares.
Go on! é unha guía de primeiros auxilios con recomendación necesarias como que facer logo de ser salvaxemente agredido por un toxo ou que facer logo de limpar o cu con ortigas.
Go on! é a conferencia que percorre o mundo desde Burgos a Arkansas desvelando os misterios máis íntimos de Galicia e os seus habitantes, como cal é a orixe da frase “non me toques os suevos”, cada canto tempo cambian as sábanas os da Santa Compaña, ou cal é a resposta definitiva para a pregunta: “Que din os rumorosos?”.