Ditaminados o IV Concurso de Fotografia Medioambiental e o IV Concurso de Relato Curto Concello do Grove
Fecha: 2015-05-22
Alex Iglesias Muñiz e Paula Vidal Álvarez, gañadores do IV Concurso de Fotografía Medioambiental
Carla Martínez Núñez, gañadora do IV Concurso de Relato Curto
Os premios entregaranse o venres 5 de xuño, coincidindo co Día Internacional do Medio Ambiente
Os estudantes Alex Iglesias Muñiz, alumno de 6º de primaria do CEIP Conmeniño, e Paula Vidal Álvarez do IES Monte da Vila, son os gañadores da cuarta edición do Concurso de Fotografía Medioambiental que organiza a Concellería de Educación do Concello do Grove. Ademais, o xurado acordou distinguir con accésits o traballo de Sabela Pérez Domínguez, do IES Monte da Vila, e o de Sara Folgada Colorado do IES As Bizocas.
Álex Iglesias Muñiz, gañador na categoría de 5º e 6º de primaria, presentou a fotografía "Lagarto: saíu ao soliño" e como escenario elixiu a zona de Punta Moreiras. Pola súa parte, Paula Vidal Álvarez, gañadora na categoría de 3º e 4º da ESO, presentou a foto “Tea de perlas” tomada no Monte Siradella e na que se pode ver una tea de araña cuberta de gotas de auga despois da chuvia. Ambos estudantes recibirán cheques-agasallo por valor de 100 euros para cambiar no comercio local.
No caso de Sabela Pérez Domínguez, o xurado destacou o seu su traballo "Praia en inverno" cun accésit por valor de 50 euros en cheques-agasallo, unha fotografía feita na praia de Lavaxeira e na que se pode observar un atardecer de inverno nesta fermosa praia. Así mesmo , foi galardoado con outro accésit a fotografía “A abella e o seu entorno” de Sara Folgada Colorado, que ten como escenario a Lagoa da Bodeira e representa o bo traballo realizado polas abellas.
As fotografías gañadoras foron seleccionadas entre un total de 65 imaxes presentadas. Todas elas forman parte dunha exposición na biblioteca municipal do Grove.

A abella e o seu entorno

Praia en inverno

Lagarto saíu ao soliño

Tea de perlas
Carla Martínez Núñez, estudante do IES As Bizocas, foi a gañadora do IV Concurso de Relato Curto coa obra “Bicos de pantasma”. Así mesmo, o xurado acordou distinguir cun accésit de 50 euros en cheques-agasallo o relato “Os finais e os principios decidímolos nós” de Lucas Aguiño Fraga, tamén do IES As Bizocas.
A entrega de premios dos dous concursos terá lugar o venres 5 de xuño, coincidindo coa conmemoración do Día Mundial do Medio Ambiente. Ese día, ademais, organizarase o espectáculo “Cores” a cargo da compañía A Tropa de Trapo, subvencionado polo programa Ler conta moito da Xunta de Galicia.
No espectáculo “Cores” os obxectos reciclados e cotiás cobran unha nova vida e axudan a contar historias : un cesto de vimbio convertido na casa da protagonista, unha familia de trapo, un libro feito de retallos de telas, cintas de cores, un funil, un plumeiro… A música tamén ten o seu momento nalgúns contos, facendo ao público cantar e bailar, e devolvendo a alegría á protagonista da historia. O público ten en todo momento un papel moi activo, interactuando, inventando e dando vida aos contos contados.