O Concello do Grove organiza un concurso de adhesivos para promover o uso do galego entre a mocidade
Fecha: 2015-09-18
Poderán participar os escolares de primaria e de educación secundaria obrigatoria da localidade.
Con todos os deseños participantes farase unha exposición colectiva e cos gañadores uns adhesivos para a súa distribuirán gratuíta.
A Concellería de Educación do Concello do Grove, en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística (SNL) municipal, inaugurou hoxe o concurso de adhesivos Apégate ao Galego, cuxo principal obxectivo é fomentar o uso do noso idioma entre a mocidade, nomeadamente, entre a xente máis nova, difundindo, asemade, mensaxes positivas en favor da lingua propia dun xeito lúdico, orixinal e creativo.
Poderán participar nesta actividade de dinamización lingüística as alumnas e os alumnos de educación primaria e de ESO dos centros públicos de ensino do municipio meco, para o cal deberán presentar os seus traballos no seu propio centro educativo ou nas bibliotecas públicas municipais ata as 14.00 h do venres 9 de outubro de 2015.
Quen resulte gañador de cada unha das categorías (primaria e ESO, respectivamente) recibirá como premio un bono-agasallo valorado en 50 € para cambiar por libros ou material audiovisual en galego en calquera das librerías da Asociación de Libreiros do Grove. Ademais, o Concello do Grove fará unha tiraxe de 1000 adhesivos cos deseños gañadores para seren repartidos entre a comunidade educativa local e a poboación en xeral.
Finalizado o concurso, con todos os deseños presentados no concurso realizarase unha exposición na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey.