Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

Nomeados os “Centola de Ouro” de 2015

Fecha: 2015-09-23

 

Javier Olleros, Miguel Muñíz, Transportes Cameselle e as empresas conserveiras do Grove recibirán o Galardón na Gala do vindeiro 9 de outubro.

 

Logo de rematado o prazo de presentación de propostas por parte dos membros do Consello Local de Turismo, o Goberno local, reunido o pasado luns, decidiu outorgarlles as Centolas de Ouro do ano 2015 aos seguintes persoeiros e institucións:

 

Javier Olleros. Recoñecendo o labor deste cociñeiro, merecedor dunha estrela Michelin, como embaixador dos produtos e da calidade turística do Grove. 

 

Miguel Muñiz. Como creador da páxina Todogrove, referente da información local e testemuño fundamental da historia recente do Grove. Destacando, ademais, o seu fundamental papel na dinamización cultural da vila. 

 

Transportes Cameselle. Polo labor pioneiro no transporte de produtos do mar, desde a súa fundación no ano 1957, sendo eixo fundamental do sector pesqueiro e marisqueiro do Grove. 

Empresas conserveiras do Grove. Premio outorgado ás dúas conserveiras que traballan no Grove: Thenaise-Provoté e Isabel de Galicia, por manteren a súa aposta polo noso pobo, facendo unha especial mención ás súas traballadoras e traballadores, que permiten facer da conserva un produto galego vencellado ao Grove. 

 

No día de onte foilles comunicada esta designación aos galardoados, que se amosaron agradecidos e emocionados polo nomeamento. A entrega da Centola de Ouro terá lugar o vindeiro 9 de outubro ás 21.00 h nun acto que se celebrará na carpa institucional do Corgo. 

 

As Centolas de Ouro

O distintivo “Centolas de Ouro” é un dos máximos recoñecementos institucionais que cada ano realiza o Concello do Grove. Trátase de premiar aquelas persoas que, dalgún xeito, teñen destacado pola súa traxectoria profesional ou persoal e que, dalgún xeito, gardan relación directa coa localidade e a súa proxección. 

 

Desde o ano 1972, en que naceron, este recoñecemento ten acadado cada vez maior valor. Contan con esta distinción varios colectivos e empresas, como Amegrove, La Voz de Galicia, Faro de Vigo, Insuiña, os traballadores do Gran Hotel da Toxa... Tamén persoeiros como Belén Constela; Emma Lustres, de Vacafilms; Modesto Lomba; Isaac Díaz Pardo; Mariano Rajoy; o pintor Ernesto Goday ou o escultor Alfonso Vilar. Tamén o recibiron destacados grovenses como Digna Prieto, do restaurante Crisol; Manuel Sanmartín, do Combatiente; a familia do Hotel Villajuanita; Marisol Prieto, do Dorna; a familia Veiga, do Restaurante Posada del Mar… entre outros moitos.