Publicadas as listaxes de voluntarias e voluntarios da Festa do Marisco 2015
Fecha: 2015-09-23
As persoas interesadas poderán consultar a listaxe no edificio administrativo do Concello do Grove.
O Concello acaba de seleccionar 65 persoas que colaborarán no desenvolvemento da Festa do Marisco deste ano. En total presentáranse 147 solicitudes, que foron sometidas a revisión para garantir o cumprimento dos requisitos establecidos: estar en situación de desemprego ou ser estudante. Unha vez revisada tal circunstancia, as solicitudes foron catalogadas en función da formación e experiencia de cada solicitante, permitindo contar con referencia sobre o posto máis adecuado para cada un deles. Para poder dirimir finalmente a asignación, tivéronse en conta criterios relativos á existencia ou non de cargas familiares e factores como a existencia ou non de persoas con traballo dentro da unidade familiar.
Todo isto dou lugar a que se elaborase unha listaxe na que figuran dúas persoas para se faceren cargo da venda de empanadas, dúas para a elaboración e venda de sobremesas, cinco para a venda de pan e viño e catro para os refrescos, nove persoas para a cociña, tres para o almacén, unha para a tenda, dúas para montaxe, catorce para limpeza, tres para apoio á información turística, catro de atención na carpa de cociña en vivo, outras catro para atención da carpa institucional e doce para as caixas de venda de tíckets.
En cada un destes postos establecéronse dous tipos de quendas, a denominada “semanal”, que suporá traballo durante todos os días da festa, e a “fin de semana”, que suporá traballo de reforzo durante as dúas fins de semana da festa. Cada un dos voluntarios contará con instrucións específicas sobre o seu horario e funcións.
Como balance final debemos indicar que das 65 voluntarias e voluntarios seleccionados a meirande parte, 54, son persoas que se atopan actualmente en situación de desemprego, 3 son estudantes e outras 8 finalizan o seu contrato actual en setembro. Destácase, ademais, que 35 persoas tiñan sido voluntarias nalgunha festa anterior e 30 nunca o foran.
Nos próximos días este voluntariado serán convocado a distintas reunións de preparación, tanto para as instrucións xerais de funcionamento como a preparación específica (por exemplo caixas) que sexa precisa.