A OMIX achégase aos institutos para informar sobre o carné xove
Fecha: 2015-11-18
A iniciativa permitirá que rapazas e rapaces poidan contar con información de primeira man do Punto de Información Xuvenil do Concello do Grove.
A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do Concello do Grove pon en marcha outra nova iniciativa para achegarse ás mozas e aos mozos da vila. Nesta ocasión levarán o Punto de Información Xuvenil aos institutos aproveitando os tempos de recreo para informalos da temas do seu interese, ademais de permitirlles poder facer os trámites do carné xove.
O carne xove é unha tarxeta da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia destinada a mozas e mozos de entre 12 e 30 anos que lles permite que dispoñan de descontos e vantaxes nas entidades colaboradoras de Galicia e doutras comunidades autónomas, pode incluso empregarse nos corenta países adheridos ao programa. Entre as avantaxes máis salientables destacan os descontos en transporte (Renfe, Monbus...) e en distintos comercios, permitindo, ademais, que os seus titulares poidan participar nos distintos sorteos que organiza a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado (actividades de neve, de verán, viaxes e actividades multiaventura, cursos…).
A rapazada estará informada previamente da visita do Punto de Información Xuvenil ao seu instituto e poden así contar coa documentación precisa para a tramitación do seu carné xove: DNI e 6 euros e, no caso dos menores de 14 anos, unha autorización das súas titoras ou titores. As visitas da OMIX están programadas no IES Monte da Vila para o mércores 18 e o xoves 19, e estenderanse a outros centros nos vindeiros días.
Quen teña interese en tramitar este carné ou en obter algunha outra información relacionada coa mocidade pode dirixirse á OMIX, situada no segundo andar do edificio administrativo municipal, no seu horario de atención ao público: de luns a venres, de 9.00 a 14.00 horas, e os luns tamén de 16.00 a 19.00 horas.