Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O Concello do Grove retoma a canle de YouTube de Turismo O Grove

Fecha: 2015-11-26

 

Co gallo da celebración das Xornadas de Centola púxose en marcha a difusión de contidos audiovisuais de promoción do turismo do Grove.

 

A promoción turística do Grove quere servirse de todos os medios posibles para poder chegar aos potenciais visitantes do municipio. Para ese fin, acaba de retomarse a canle de YouTube vencellado á web de turismogrove.com, ao que se pretende dotar de contidos de divulgación e promoción do Grove e dos seus recursos turísticos. 

 

Como primeira iniciativa, e dentro do marco das actividades das XIII Xornadas da Centola, elaboráronse unha serie de vídeo-titoriais para promover a Centola do Grove. Neles (achegamos ligazóns máis abaixo) o cociñeiro da Festa do Marisco, Paco Caneda, encárgase de explicar a diferenza entre a centola do Grove e a denominada “francesa”, de indicar paso a paso como cociñar a centola ou como abrila para presentala… Neste caso, son tres vídeos de breve duración que contarán co conseguinte subtitulado noutros idiomas e que servirán para posicionar adecuadamente o produto “Centola do Grove” nas redes sociais.

 

A través desta rede tamén se difundiu o vídeo de presentación das Xornadas, que se amosou no acto celebrado no Museo do Marco en Vigo. Este vídeo parte do escaso material previo existente e engade material novo recollido durante a Festa do Marisco e nos últimos meses, tentando presentar O Grove como un destino perfecto para escapadas de fin de semana. 

 

Desde o Concello do Grove considérase fundamental realizar un amplo traballo na renovación do material de promoción publicitaria, xa que este non foi cambiado desde hai tempo e é necesario adaptar o destino ás novas demandas dos potencias visitantes. 

 

Vídeo-titoriais das Xornadas da Centola:

01 Como identificar unha centola do Grove

02 Como cociñar unha centola do Grove

03 Como abrir e presentar unha centola do Grove