Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

A empresa subministradora de enerxía no Grove deberá emprender melloras urxentes

Fecha: 2016-01-11

A reunión mantida o venres pasado entre representantes da empresa, da Xunta e dos Concellos afectados polos apagamentos serviu para determinar compromisos urxentes de mellora que eviten os problemas.

 

O alcalde do Grove, Jose Cacabelos, acudiu o pasado venres a unha reunión en que se abordou o problema polos apagamentos eléctricos sufridos no último mes. Nesta xuntanza informouse de que, no referido ao Grove, os problemas veñen por dúas vías. Por unha banda, e tal e como se constatou o 1 de xaneiro, a total dependencia da subestación de Vilalonga, que é a única vía de subministración para a península. Por outra, a liña de conexión, que resulta deficitaria, especialmente na zona de San Vicente, feito que tamén provoca continuos cortes de electricidade. 

 

O problema da subestación de Vilalonga

 

A solución ao problema pasa pola posta en funcionamento ao cen por cento da subestación de Sanxenxo, situada no polígono de Nantes. Isto permitiría que a subministración que ata o de agora só realiza Vilalonga fose realizada por dúas subestacións. Porén, esta posibilidade depende das obras de conexión entre as dúas instalacións (cun custo de 500.000 euros) que non poden rematarse debido aos problemas legais que agora mesmo ten o polígono de Nantes, xa que o Concello de Sanxenxo se nega a recepcionalo. Isto impide que a empresa eléctrica conte coa concesión para realizar a canalización polos referidos problemas urbanísticos. 

 

Melloras da rede eléctrica do Grove

 

Nesa reunión obtívose un compromiso para que a empresa subministradora emprenda un plan de melloras no primeiro semestre do ano. O dito plan supón a mellora da liña de San Vicente e da zona do centro urbano. Concretamente, nesta zona a liña que chega ao barrio da Graña será soterrada desde alí ata o núcleo urbano. Estímase que estas melloras teñan un custo para a empresa de ao redor dos 600.000 euros. 

 

Desde o Concello do Grove valóranse positivamente as melloras relativas á rede eléctrica e incidirase en solicitar algunha solución; cómpre desatascar o problema relativo á nova Subestación de Sanxenxo, instalación que, ademais, terá carácter supramunicipal e que suporía unha maior garantía para a subministración eléctrica do Grove.