A Policia Local do Grove intensifica os controis de mascotas
Fecha: 2016-01-29
Logo do traballo desenvolto informando e advertindo os propietarios, pasarase a procedementos sancionadores.
A Policia Local fíxose eco das queixas veciñais no relativo á sucidade xerada polos cans e mascotas nas rúas, ademais das cada vez más frecuentes alertas pola existencia de animais soltos. Ante isto, os axentes están realizando un labor de información e concienciación advertindo os propietarios que non cumpren coa normativa vixente no tocante á recollida de excrementos ou á obrigatoriedade de levar os cans atados, agás naquelas zonas habilitadas para tal fin.
Pero os labores de información e concienciación pasarán, logo das referidas advertencias, a converterse en sancións. Deste xeito, e ante o elevado nivel de sucidade que a falta de conciencia dos donos está provocando, procederase a ser rigoroso e a tramitar sancións que permitan, de xeito punitivo, concienciar as persoas propietarias das mascotas da súa responsabilidade no relativo á limpeza dos excrementos e ao control dos animais.
A Policia Local solicita a colaboración cidadá para poder atallar este grave problema, que supón, non só un elevado custo no relativo á limpeza viaria, senón que provoca unha pésima imaxe do Grove para os propios veciños e veciñas e para quen nos visita.