Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O Goberno do Grove condena a utilización partidista e interesada da Mancomunidade do Salnés

Fecha: 2016-02-05

O pleno de onte serviu para escenificar, unha vez máis, o total manexo partidista das institucións públicas que realiza o Partido Popular.

 

O uso partidista que o Partido Popular realizaba e realiza de institucións como a Deputación de Pontevedra ou a Mancomunidade quedou patente na xornada de onte coa adopción dun acordo, fora da orde do día, para trasladar o Obradoiro de Hostalería da Lanzada ao Concello de Sanxenxo. Trátase dunha forma de seguir afogando aqueles concellos que non son dirixidos polo grupo político que, a día de hoxe, segue presidindo a Mancomunidade tentando, ademais, condicionar o futuro desta.

 

Unha vez máis o presidente en funcións da Mancomunidade desvirtúa a utilidade dun organismo cuxo funcionamento debería estar marcado pola colaboración entre concellos e non polo enfrontamento entre eles, cousa que o señor Durán semella estar fomentando. Co desmantelamento definitivo dun Obradoiro que levaba dez anos neste municipio e que supuxo a vía de formación de moitos profesionais locais, estanse primando os intereses políticos particulares sobre as necesidades reais da cidadanía.

 

Debe terse en conta, ademais, que esta decisión se toma cunha presidencia en funcións, inda pendente do correspondente cambio segundo os resultados das eleccións municipais de maio. O Grupo de Goberno do Grove non aceptou as presións para presidir unha Mancomunidade condicionada pola preferencia cara determinados municipios, feito que desvirtúa por completo a finalidade desta entidade. Esta chantaxe si parece estar sendo admitida polo presidente en funcións que, seguindo a liña habitual no Partido Popular, admite calquera condición para perpetuarse no poder. 

 

O voto do Grove

 

O Grupo de Goberno do Grove valora positivamente que as dúas representantes do Grove votaran en contra desta proposta na sesión celebrada onte, pero lamenta que o Partido Popular local teña tan pouca capacidade de presión no seu partido e se acabe pregando ao marcado pola dirección provincial. 

 

Desde o Concello do Grove trasládase unha enérxica protesta por esta medida e reclámase que se teña en conta o investimento municipal realizado nas infraestruturas e materiais deste Obradoiro que deberá ser compensando antes de propoñer calquera traslado.