Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

As novas bases das subvencións de deportes presentadas no Consello Local de Deporte

Fecha: 2016-02-08

 

O Consello Municipal do Deporte e da Actividade Física do Grove quedou constituído na sesión do venres.

 

Na tarde de onte reuniuse no Concello o Consello Municipal do Deporte e da Actividade Física. Logo da súa constitución para esta nova etapa, informouse os seus membros dos traballos realizados no relativo a modificación das subvencións a entidades deportivas. Estes cambios son froito de numerosas sesións de traballo da Concellería de Deportes e os clubs locais e supoñen unha modificación para tentar un reparto o máis equitativo e obxectivo posible. 

 

Entre os cambios máis significativos está a desaparición do reparto das contías diferenciando entre “clubs de terra” e “clubs de mar” o que supón que a práctica totalidade da contía do orzamento (ao redor de 90.000 euros) sexa posto a disposición todos os clubs en conxunto. A esta modificación engádese a inclusión do requisito de estar inscrito no rexistro de asociacións durante polo menos tres anos para poder optar ás axudas e a limitación de que as subvención municipal non poida supoñer máis do 30% dos orzamentos totais do club. Estas cuestións foron consensuadas cos colectivos deportivos locais, os que tamén se amosaron de acordo nos baremos de puntuación; neste caso o borrador inclúe unha táboa de puntuación para deportes colectivos e outra para deportes individuais. 

 

Ademais destas bases, tamén se informou o Consello Local de Deporte doutras que non existían ata o de agora e que foron creadas para darlle unha maior claridade e transparencia á concesión de axudas para a organización de eventos deportivos tanto aos propios clubs como a outras entidades. Téñense elaborado, tamén en colaboración cos colectivos deportivos, uns baremos para outorgarlles unha puntuación ás distintas propostas en función de criterios como o número de días, a proxección e publicidade para O Grove no seu conxunto, o tipo de disciplina, o custo, etc. Estas bases permitirían realizar unha previsión anual para que os 25.000 euros dispoñibles nesta partida poidan ser repartidos do xeito máis obxectivo posible. 

 

Outros temas

 

Ademais das bases referidas, que serán definitivamente aprobadas nas vindeiras semanas, o Consello Local de Deporte abordou outros asuntos, como a celebración da Gala do Deporte Meco do 2016. Prevese que este evento se celebre a finais de marzo e nas vindeiras semanas revisaranse as súas bases de convocatoria. Tamén se puxo sobre a mesa información actualizada sobre o novo pavillón, indicando que nas vindeiras semanas está prevista a instalación dos equipamentos pendentes (canastras e mobiliario) e tamén sobre correccións na contorna que permitirán organizar a súa inauguración oficial en breve. 

 

Finalmente, e atendendo a unha proposta de Esquerda Unida que foi apoiada polo Grupo de Goberno e secundada polos compoñentes do Consello, realizarase unha modificación da composición do Consello Local para garantir a presenza de todos os clubs. Este cambio será traballado nas vindeiras semanas para que poida ser aprobado polo Pleno o antes posible.