O Concello somete ao Pleno a ordenanza que establece taxas polo uso lucrativo das instalacións públicas
Fecha: 2016-02-25
A ordenanza recolle tarifas para aquelas empresas privadas que habitualmente solicitan espazos públicos para desenvolver a súa actividade.
Tras ter detectado un baleiro no relativo ao uso privativo das instalacións municipais, nos pasados meses foi proposta a elaboración dunha ordenanza que establecese unhas taxas e un sistema de xestión das solicitudes relativas ao uso deses espazos. Estas solicitudes refírense especialmente aos salóns das casas da cultura e á Sala das Cunchas, aínda que se contemplan todos os locais do Concello, agás os deportivos (xa regulados nunha ordenanza). Deste xeito, aquelas entidades privadas que queiran facer uso deste espazos para fins lucrativos (tanto cobrando entrada como sen facelo) terán que aboar as correspondentes taxas.
As asociacións sen ánimo de lucro terán acceso libre e sen cobro a estes espazos, establecéndose unha preferencia na que o uso das salas lles corresponde en primeiro lugar, e como é obvio, ás actividades organizadas desde o Concello; en segundo lugar, ás actividades das asociacións e colectivos sen fin de lucro e, finalmente, ás entidades privadas, que só poderán solicitar os ditos espazos cando estes se atopen libres.
A ordenanza contou coa complexidade técnica do cálculo das relativas taxas, xa que se deben fixar en función de parámetros axustados ao custo do seu mantemento e á realidade do propio mercado. Unha vez recollidos os informes técnicos ao respecto, a ordenanza foilles presentada aos membros da oposición na Comisión de Contas e será levada para a súa aprobación polo Pleno o vindeiro luns.