O alcalde do Grove asina en Santiago o convenio de Cinemas de Galicia para o ano 2016
Fecha: 2016-02-26
Logo de que a fins do pasado ano o Concello do Grove fora incluído no programa “Cinemas de Galicia” organizado pola Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), na mañá de hoxe asinouse o convenio que servirá para dotar O Grove dunha programación cinematográfica estable ao longo deste ano.
No acto de sinatura que tivo lugar na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela estivo presente o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, e os alcaldes de cinco dos dez concellos que este ano se incorporan a este programa, entre os que se inclúe O Grove. O convenio terá validez ao longo de todo 2016 e facilita un amplo catálogo de películas para a súa exhibición en dependencias municipais.
No caso do Grove as películas serán proxectadas na Casa da Cultura, feito para o cal será preciso mellorar a pantalla existente. A entrada está fixada nun prezo de tres euros e a programación concretarase nos vindeiros días coa proxección dun filme cada dúas semanas. Esta actividade está financiada entre a Agadic e o Concello, facéndose cargo cada unha das institucións do 50% dos dereitos de exhibición.
Trátase dun proxecto que xa funcionou noutras localidades en anos anteriores e que pretende achegar o cine a aqueles concellos que non contan con salas comerciais. Ao tempo, o catálogo dispoñible contribúe á difusión do cine feito en Galicia e doutros cinemas europeos, polo que supón unha oportunidade para achegarse a produtos máis difíciles de consumir en circuítos comerciais tradicionais.