O Concello do Grove pon en marcha a designación da rúa Alcalde Xacobe Barral Otero
Fecha: 2016-02-29
A actual rúa Cándido Acuña mudará o seu nome pola de rúa Alcalde Xacobe Barral Otero.
En cumprimento dunha moción amparada pola Lei da memoria histórica aprobada no Pleno do Concello o 24 de novembro de 2008, a rúa que actualmente se denomina Cándido Acuña pasará a chamarse rúa Alcalde Xacobe Barral Otero.
Xacobe Barral Otero foi mestre e xornalista local ademais de membro do Partido Galeguista, elixido alcalde a fins de xuño de 1936. Coa sublevación do 18 de xullo foi detido e xulgado en Consello de Guerra en Pontevedra xunto con outros persoeiros como Jacobo Otero Goday, Miguel Mandiás Merino, José Prol Figueiro e Manuel Puente Iglesias. Foi condenado a pena de morte, inda que a sentenza foi conmutada a cadea perpetua. Logo de estar preso na Illa de San Simón foi trasladado a Pamplona á prisión de San Cristobal. Conseguiu saír da cadea e establecerse na Coruña.
Barral Otero foi o última alcalde da República no Grove e caracterizouse pola súa implicación na defensa das liberdades e coa súa estreita vinculación (máis aló do familiar) con Jacobo Otero Goday. O seu importante papel na historia do Grove pretende ser recoñecido con esta rúa cuxo nome será mudado o 14 de abril deste mesmo ano. Os veciños e veciñas e negocios da zona xa foron informados desta modificación que require dun trámite sinxelo por ser o cumprimento dunha moción vixente.