Manifesto 8 de marzo, Día Internacional da Muller
Fecha: 2016-03-08
MANIFESTO 8 DE MARZO, DÍA INTERNACIONAL DA MULLER
Este é un día para celebrar, para reivindicar os dereitos das mulleres, as mesmas condicións laborais e salariais e as mesmas oportunidades ca os homes.
O 8 de marzo, ao igual que os demais días do ano, reafirmamos o noso compromiso con esta loita. Xa que, a pesar do que semellaba avanzado, houbo retrocesos e, ás veces, vemos imposible o cumprimento do dereito á conciliación da vida persoal, laboral e familiar.
Este manifesto é reivindicación e tamén reafirmación nos nosos dereitos, para visibilizar o traballo das mulleres ao longo da Historia, silenciado durante moito tempo. É fundamental o emprego digno que lles permita a todas as persoas unha independencia para non ter que aturar casos de escravitude.
Reivindicamos leis e medidas políticas e sociais con perspectiva de xénero, pois son imprescindibles para que a igualdade entre homes e mulleres sexa efectiva. Leis e medidas que posibiliten que haxa máis atención para as e os menores, para as persoas dependentes..., porque só así as mulleres poden traballar fóra da casa en igualdade salarial. Non existe unha realidade máis lesiva e discriminatoria que a desigualdade económica e de dispoñibilidade de tempo persoal e laboral.
Queda aínda moito por facer para conseguirmos desbotar estereotipos sexistas; aínda hai mulleres que din que "non traballan", fillos que din que as súas nais "non traballan" ou expresións que se escoitan como: "Se as mulleres traballasen...". Este tipo de manifestacións non se corresponden coa realidade. As mulleres seguen a elaborar maioritariamente os traballos que non se consideran produtivos: crianza de fillos, coidados, tarefas domésticas, limpeza, orde da casa... e, lamentablemente, cada vez hai máis casos nos que se dá a chamada "tripla xornada".
Á vista desta crúa verdade, ternos a obriga de redefinir a realidade, ao tratarse dunha cuestión de Estado, pois o persoal é político (como dicía o lema feminista dos anos 60 que tan ben desenvolveu Celia Amorós). E seguimos a ser as primeiras afectadas polos recortes sociais, e seguimos a estar nas peores condicións laborais: moitas ternos traballos a tempo parcial para poder facernos cargo do coidado de familiares, somos as que xeralmente pedimos prestacións por maternidade, solicitamos redución de xornada máis ca os homes, e así ocorre coas excedencias e coas pensións contributivas e non contributivas. Nestas últimas, as de xubilación, acceden máis os homes que as mulleres e con maior contía na prestación. Os datos dos organismos oficiais así o revelan.
A fenda salarial de xénero é moi clara: o soldo dunha muller supón entre un 30% e un 40% menos ca o soldo dun home. O traballo desempeñado polas mulleres non é retribuído nin valorado en igualdade de condicións co dos nosos compañeiros.
E por todo isto, igual que os outros días do ano, hoxe reivindicamos para nós, as mulleres, A IGUALDADE... Igualdade nas retribucións por traballo desempeñado, nas condicións no acceso ao traballo, na dispoñibilidade do tempo persoal e laboral e no recoñecemento do noso traballo.
Este manifesto a unha VOZ representa este reclamo. E como querer é poder, habemos de tornar a realidade ao noso favor. Porque é unha cuestión política, de Estado, de dereitos humanos e cívicos, e porque saímos favorecidas todas e todos en comunidade.
Xa que logo, sendo conscientes de que así saímos gañando mulleres e homes, homes e mulleres, pedimos sumar esforzos para así trocar o presente e o futuro das mulleres do mundo para mellor.
Concello do Grove, 8 de marzo de 2016