O Servizo de Normalización Lingüística municipal do Concello do Grove organiza un obradoiro de lingua portuguesa
Fecha: 2016-04-22
A actividade terá lugar o venres 29 de abril, ás 19.30 h, na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey.
Cómpre inscrición previa no Servizo de Normalización Lingüística do Concello.
O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello do Grove organiza “OPS! O português simples”, un obradoiro de iniciación á lingua portuguesa gratuíto e aberto ao público en xeral impartido pola Associaçom Galega da Língua (AGAL).
O principal obxectivo desta acción formativa é pór en valor a lingua galega, facendo ver a súa potencialidade e contrarrestando os prexuízos que a infravaloran, ao tempo que se lles mostra aos participantes que o portugués é a sexta lingua máis falada no mundo, oficial en 4 continentes e 8 países.
OPS! é un obradoiro para amosarlle ao alumnado do noso sistema educativo e á cidadanía do país que o galego é unha entrada privilexiada para acceder ao mundo en portugués e, asemade, facerlles ver a nosa vantaxe competitiva no cadro español e europeo. Porque o plurilingüismo vai ter cada vez máis valor, promovido pola globalización e as institucións políticas (comezando pola Unión Europea).
O obradoiro ten un formato de 100 minutos e nel fomentarase a interacción cos participantes mediante vídeo-presentacións, internet, música e diversos contidos audiovisuais.
As persoas interesadas deben inscribirse previamente no SNL do Concello do Grove, enviando un correo ao seu enderezo electrónico (normalizacionlinguistica@concellodogrove.es), chamando ao teléfono 986 733 190 (de luns a venres, de 11.30 a 13.00 h) ou persoalmente na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey (r. Monte da Vila, 11).
Cómpre sinalar que este obradoiro inicial de lingua portuguesa complementarase con outro dun nivel máis avanzado que está previsto que se imparta no mesmo lugar a comezos do vindeiro mes de xuño.