Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O Concello remata o programa de concienciación ambiental sobre especies invasoras

Fecha: 2016-05-19

No día de onte levouse a cabo a derradeira actividade do ciclo de concienciación ambiental sobre a problemática das especies invasoras nos ecosistemas galegos. Preto de cincuenta rapaces e rapazas do Instituto do Monte da Vila participaron nunha clase práctica que se levou ao cabo no lugar da Ostreira. A actividade prevista consistía na eliminación de Carpobrotus edulis, máis coñecido como “uña de gato” do complexo dunar desa zona.

 

Trátase dunha zona especialmente castigada pola presión humana e que se afasta moito do cordón dunar que en tempos ía desde Rons a Virxe das Mareas. É, polo tanto, un espazo idóneo para que os mozos e mozas do Grove coñezan a importancia do coidado e protección medioambiental da contorna.

 

Precisamente, eses rapaces e rapazas arrincaron grandes cantidades da “uña de gato” e encheron máis de oitenta sacas de grandes dimensións que foron trasladadas para o seu posterior tratamento. A actividade prolongouse desde as 10.00 ás 12.00 da mañá e, posteriormente realizouse outra actividade formativa visitando a EDAR para coñecer de primeira man como se depuran as augas residuais municipais. Nesta actividade procurouse implicar ao alumnado nos problemas que xeran determinados residuos (como as toalliñas hixiénicas) e os colapsos que se poden producir nos sistemas de depuración polo seu mal uso con graves consecuencias económicas e medioambientais para o municipio.