Uxía Senlle e Magín Blanco cántanlle a Manuel María no Grove este domingo
Fecha: 2016-06-10
O concerto Todo me fala de ti terá lugar ás 13.00 h na rúa Pratería.
En caso de chuvia, trasladarase á Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey.
O programa de dinamización lingüística FalaRedes, desenvolvido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística en colaboración coas entidades que, como o Concello do Grove a través do seu Servizo de Normalización Lingüística (SNL), forman parte da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia, chega á vila meca cunha iniciativa que serve para achegarlle ao público familiar unha nova actividade lúdica de calidade no noso idioma.
Deste xeito, os recoñecidos músicos Uxía Senlle e Magín Blanco, acompañados do acordeonista Santi Cribeiro, renderanlle unha homenaxe a Manuel María, autor a quen se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas, cantando os seus textos en Todo me fala de ti, un concerto que terá lugar o vindeiro domingo 12 de xuño, ás 13.00 horas, na rúa Pratería (en caso de mal tempo, trasladarase á Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey). Na función, baseada no álbum Canta o cuco, daráselle prioridade á obra que o autor chairego publicou especialmente para a cativada.
Todo me fala de ti recupera eses versos e inclúe unha globalidade de ritmos e estilos musicais, que van desde a música tradicional propia ata os universos próximos do pop e do rock, pasando polos aromas da canción de autor ou mesmo polos aires latinoamericanos do tango e do son cubano. Sen dúbida, unha magnífica oportunidade para gozar en familia.