O Concello do Grove colabora con Cáritas no tratamento de residuos téxtiles
Fecha: 2016-06-17
O convenio de colaboración asinado no mes de maio con Cáritas autorizou a esta entidade a dispoñer tres colectores na rúa coa finalidade de recoller roupa e materiais téxtiles que posteriormente serían xestionados pola empresa de inserción Arroupa. Trátase dunha iniciativa que tenta implantar un sistema de tratamento deste tipo de materiais que sexa social e medioambientalmente responsable. Ademais deste obxectivo fundamental, a actividade realizada supón unha iniciativa de inclusión de colectivos desfavorecidos.
Os colectores foron instalados ao carón da igrexa de San Roque e á da de San Martiño, ademais de na subida ao Monte da Vila; os últimos colocáronse a pasada semana. A boa acollida da proposta fai que o Concello do Grove teña en conta a posibilidade de estendela á parroquia de San Vicente colocando tamén colectores nesa zona.
Debemos lembrar que o Concello do Grove mantén o seu interese por desenvolver e implantar accións que impulsen os obxectivos marcados desde a Unión Europea en relación coa Estratexia 2020, que supón unha nova visión do mercado na que, entre outras cousas, se debe traballar nunha eficiente xestión dos recursos.