O Concello do Grove pon en marcha o IV Concurso de Pintura Ernesto Goday cunha dotación de 3.000 euros
Fecha: 2016-06-30
Segundo o compromiso adquirido, o Goberno local do Grove quere darlle un novo pulo ao Concurso de Pintura Ernesto Goday buscando que este certame se converta nun dos de referencia no ámbito artístico galego e nacional. Para ese fin, e como primeiro paso, vén de aprobar as bases da cuarta edición deste certame, ampliando a contía do premio, que pasa de 1.000 a 3.000 euros.
Ademais disto, as bases contemplan a edición dun catálogo coas obras participantes entre 2015 e 2016 e agárdase que a entrega de premios teña lugar no mes de novembro nun acto organizado para tal efecto logo de que a mostra dos participantes sexa posta á disposición da veciñanza nas salas de exposición municipais.
As bases comezarán a distribuírse mañá 1 de xullo e poderán ser consultadas tanto na web do Concello como nas dependencias municipais. No concurso poderán participar as persoas maiores de idade que o desexen, que deberán presentar unha obra orixinal e inédita cunhas dimensións mínimas de 60 x 50 cm e máximas de 150 x 150 cm. A técnica é libre, pero sempre na modalidade de pintura figurativa e tendo como tema central todo o relacionado coa paisaxe natural e urbana do Grove e as súas xentes. A data límite de entrega das obras será o vindeiro 30 de setembro.
Este concurso tenta honrar a vida e a obra do pintor local Ernesto Goday Camaño, contribuíndo a promocionar o seu legado artístico. Desde o Concello do Grove estase traballando en novas iniciativas que reivindiquen a figura do artista máis internacional da vila e que poñan en valor a súa figura e a manteñan viva nas vindeiras xeracións.