A Deputación e o Concello do Grove reclámanlle á Xunta que inclúa a localidade nos servizos de emerxencias
Fecha: 2016-07-27
O alcalde considera que o Concello non pode manter en solitario un servizo nunha poboación que triplica o seu número de habitantes nos meses de verán.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde do Grove asinaron onte un convenio de colaboración para o financiamento do grupo de emerxencias local, no que tamén intervén a Xunta de Galicia.
Jose Cacabelos agradeceulle a Carmela Silva o seu traballo para acadar que o vicepresidente da Xunta aceptara o financiamento deste servizo, dado que o Concello en solitario non podía manter o equipo de trece persoas.
De feito, o alcalde do Grove reclamoulle á Xunta que “ten que tomarse en serio as emerxencias na provincia” e darlle a consideración de provincial ao servizo da localidade grovense dada a importancia, sobre todo nos meses de verán, da poboación atendida.
Neste extremo incidiu tamén a presidenta da Deputación, quen subliñou que O Grove merece a mesma consideración que outros concellos de toda Galicia “sen ter que asinar un convenio de carácter especial co Concello” para ter un servizo de emerxencias acorde coas súas necesidades, “xa que O Grove cumpre con todas as características para dispor del”.
Carmela Silva reclamoulle á Xunta, na figura do seu vicepresidente Alfonso Rueda, que sente a negociar cos concellos e as deputacións para estudar as verdadeiras necesidades en materia de emerxencias e socorrismo nas praias para analizar a situación, cales son as necesidades dos concellos e as súas demandas e establecer un servizo de emerxencias que cumpra coa realidade.
O convenio rubricado na mañá de onte contempla unha achega de 125.021,38 euros para manter o servizo local de emerxencias do Grove entre o 1 de abril e o 30 de setembro deste ano. Desta cantidade, a Xunta achega un 26,67% da cantidade total, o que supón 33.343,32 euros; a Deputación de Pontevedra, o 33,33%, é dicir, 41.669,78 euros, e o Concello do Grove o 40%, coa cantidade de 50.008,73 euros.
O servizo de emerxencias local está composto por doce persoas, das cales tres son capataces e o resto operarios que atende desde incendios, accidentes a outro tipo de emerxencias.