O Concello coordina os servizos para lle facer fronte a outra fin de semana de altas temperaturas e máxima ocupación
Fecha: 2016-08-10
As cifras récord das últimas semanas levan o Concello a ter que mobilizar os máximos efectivos e recursos para lles facer fronte ás previsións.
O alcalde do Grove convocou esta mañá unha reunión extraordinaria de coordinación de seguridade e servizos. Nunha fin de semana de “ponte” e cunha ocupación que roza o 100% na localidade, o persoal e os servizos que tradicionalmente atenden unha poboación de pouco máis de 10.000 habitantes terán que realizar un esforzo para responder as demandas de máis de 40.000.
Na antedita reunión participaron os responsables da Policía Local, do Servizo de Emerxencias, de socorristas en praias, de mantemento e limpeza da vila e os específicos das praias, ademais dos responsables de Turismo. Trátase de facer unha revisión de todos e cada uns dos elementos clave da xestión municipal: desde a coordinación de seguridade, con reforzo dos efectivos para poder establecer patrullas nocturnas, pasando por reforzo de limpeza nas zonas máis complexas (zonas de terrazas, praias…) e de recollida de lixo, ata previsións de emerxencias.
Débese ter en conta, ademais, que O Grove contará esta fin de semana cunha intensa actividade lúdica, cultural e festiva, tanto organizada polo propio Concello como posta en marcha por outros colectivos e entidades, que supoñen unha enorme mobilización de persoal tanto para montaxe (escenarios, valados, cadeiras, transporte…) como para control de seguridade (cortes de rúas, habilitación de espazos…).
O Concello solicitará a colaboración cidadá para tratar de evitar comportamentos inadecuados que poidan complicar a situación, deste xeito, incidirase no respecto das normativas no relativo a horarios de depósito de lixo ou de limpeza, ademais de realizar un especial seguimento para evitar aparcamentos inadecuados que dificulten o tráfico (especialmente nas zonas de praia) ou un máximo control para evitar a venda ambulante incontrolada que xera problemas no centro urbano e noutras zonas do municipio.