O Concello revisa o procedemento de concesión de vaos permanentes
Fecha: 2016-10-05
O novo procedemento axilizará uns trámites que ata o de agora demoraban ata dous meses.
O grupo de goberno aprobou na Xunta do pasado luns un novo sistema de xestión para os vaos permanentes que mellora o existente ata agora e que supuña que as súas solicitudes puidesen demorarse ata dous meses. Deste xeito tanto os propios impresos de solicitude como os posteriores informes técnicos internos requiridos para poder outorgar este tipo de concesións quedan sistematizados e organizados evitando que os solicitantes non conten con datos claros sobre a documentación que teñen que achegar para iniciar o trámite.
Vao de paso por zonas públicas
O Concello do Grove lembra que os vaos permanentes outorgan o dereito de paso pola vía pública para a saída de vehículos desde predios privados. O vao non supón en ningún caso reserva de espazo na vía pública, polo que os seus concesionarios (ao igual que o resto de condutores) non poden aparcar diante.